O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “hai un tempo o pleno da Corporación acordou a modificación desta ordenanza de zona ORA que temos aquí, en Ribadeo, e que funciona realmente ben. Como todas as ordenanzas tamén ten un apartado sancionador para toda aquela xente que non cumprira, que non sacara o tícket ou que se excedera no tempo de uso”. O rexedor explicou que “o pleno decidiu facer unha modificación para que, como noutras cidades e vilas, aquelas persoas que sexan denunciadas porque se pasen do tempo que inicialmente asignaron poidan anular a sanción con unha multa moito máis reducida. É dicir, si pola ordenanza a multa son 24 euros estas persoas que durante ese día que foron denunciadas sacan un tícket que costa 5 euros e introducen o tícket inicial, a papeleta da denuncia e máis o tícket de ter abonado os 5 euros nun dispositivo que hai quedará dita denuncia anulada”.

Para Suárez Barcia “isto demostra que dende o Concello non temos interese ningún nin afán recadatorio e o que sí queremos é velar por un sector moi importante en Ribadeo, que son as actividades comerciais e de servizos, e que a xente que veña a Ribadeo e que por algún motivo se demore un pouquiño máis e que resulte denunciada por un exceso de tempo poida ter esa capacidade de anular a súa denuncia por unha cantidade mínima en relación coa denuncia ordinaria”.

O alcalde ribadense engadiu que “evidentemente si alguén tanto antes como agora, despois da modificación desta normativa, aparca na zona azul e non saca o tícket a sanción será igual que estaba prevista inicialmente, 24 euros e doce por pronto pago, pero en ningún caso con este mínimo de 5 euros”.