O Programa de Prevención de Drogodependencias e outros Trastornos Aditivos do Concello de Ribadeo contará un ano máis coa colaboración da asociación ASEDUC para realizar o programa Infórmate… perde o medo sobre a prevención de VIH-SIDA. Traballarán durante 4 sesións no CIFP Porta da Auga co alumnado de Formación Profesional Básica (22 alumnos e alumnas) e durante outras 4 co alumnado de 3º de ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros (61 alumnos e alumnas).

No CIFP Porta de Auga a actividade desenvolverase os días 16, 23 e 30 de xaneiro e o 6 de febreiro. E no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros será os días 12 e 19 de marzo e 9 e 16 de abril. As sesións terán unha duración de 50 minutos.

A responsable do Programa de Prevención de Drogodependencias e outros Trastornos Aditivos, Mónica Fernández Lamparte, sinala que “tras o parón do Nadal retomamos as  actividades nos centros de ensino cos seguintes programas: Non pasa nada, pasa algo, que realizamos no CIFP con 22 alumnos de Formación Profesional Básica. Xa levamos 4 sesións e probablemente continuaremos con varias máis xa que estamos a traballar nun programa preventivo sobre o consumo de hachís e marihuana. Prevención de adiccións con e sin substancia (adiccións comportamentais) en todos os centros de ensino de educación Primaria, en 5º/6º curso (centros de Ribadeo, Barreiros, Trabada e A Pontenova). Son 4 sesións nas que falamos do que son as drogas, as adiccións comportamentais (adicción a Internet, as compras, etc), da presión do grupo de amigos-as… (141alumnos e alumnas)”.

E engadiu que “tamén seguiremos con Cinensino. Este trimestre proxectarase a 2º película para alumnas e alumnos de 1º e 2º de ESO dos centros Colexio Sagrado Corazón e IES de Ribadeo Dionisio Gamallo (238 alumnos e alumnas e 11 profesores-as). E continuamos tamén informando dende a páxina de facebook AdiccionsZeroRibadeo, na que contamos con 1.054 seguidores/as”.