Bandeed é unha plataforma web de concertos baixo demanda baseada no concepto crowdfunding. Trátase dun espazo de xestión e de relación que posibilita que músicos, fans e salas colaboren por un obxectivo común: a organización dun concerto. O seu promotor, o ribadense Anxo Armada indicou que “o seu funcionamento baséase en que un grupo, artista ou promotor ten uns gastos de loxística para ofrecer un concerto nun lugar determinado. Para dalo necesítase vender un número mínimo de entradas. Si se venden no prazo establecido o concerto confírmase e se non se chega a ese número o cobro aos que as reservaron non se efectúa. O que fai este sistema é garantir a viabilidade do concerto, tendo en conta ao público que moitas veces é o grande esquecido”.

O edil nacionalista explicou que “nós estamos como Concello moi interesados na plataforma e en bandeed por varios motivos. Primeiro porque o promove un ribadense e nós tentamos apoiar aquelas iniciativas innovadoras de carácter empresarial e cultural que desenvolve a xente de Ribadeo. Desde o momento en que Anxo Armada nos falou de bandeed nos pareceu unha proposta moi interesante e que excede o ámbito local e galego, está destinado a ter unha dimensión estatal e internacional”. Xavier Campos seguiu a relatar que “o segundo motivo é porque entendemos que é unha nova forma de programar concertos e de vincular aos artistas cos seus públicos. Algo que para Ribadeo e para as vilas de tamaño medio coma Ribadeo é especialmente interesante porque permite testar previamente os públicos que potencialmente ten cada artista. Iso é moi útil á hora de, como Concello, presentar propostas de artistas para que a xente valore si está interesada ou non en que veñan tocar a Ribadeo. Iso evita moitos gastos previos e certos riscos de programación, fai que o gasto para o Concello se reduza de xeito considerable e en cambio a oferta cultural poida medrar a custe mínimo ou a custe cero”.

O concelleiro de Mocidade e Sociedade da Información engadiu que “a proposta que realiza Anxo para a plataforma é triplemente beneficiosa para os artistas porque lles poden saír concertos en lugares aos que doutro xeito non irían, é beneficiosa para as institucións coma o Concello no sentido de que nos permitiría ter concertos simplemente cedendo o espazo: o Cine Teatro ou o auditorio municipal, a cambio de ningún custe económico e tamén é importante para os públicos porque se poderían beneficiar de concertos en Ribadeo cando de forma convencional non sería posible”. Xavier Campos indicou que “nós nese sentido estamos encantados e este concerto de Zahara é a primeira tentativa que facemos, que vai ser exitosa, porque xa o está a ser na venda de entradas a priori. É un cartel moi interesante para arrincar coa plataforma en Ribadeo. Creo que somos a primeira institución pública en programar a través desta plataforma, facémolo dunha forma piloto, teremos que ir vendo como evoluciona, pero a nosa vontade é de manternos dentro dela, neste caso xa non porque Anxo estea en bandeed senón desde un punto de vista de carácter e interese público nos parece altamente positivo”.

Anxo Armada, o promotor deste concerto que Zahara ofrecerá o sábado, 17 de agosto en Ribadeo, sinalou que “a xente poderá ver un espectáculo que non é só musical, que consiste nunha curtametraxe que a artista desenvolveu durante a súa última xira. Percorreu durante dous anos as salas de concertos máis importantes de toda España e tocando con artistas en festivais de primeiro nivel. É unha artista consolidada que vai polo seu terceiro traballo. Despois da curtametraxe haberá un concerto acústico especial da xira de La pareja tóxica, que é o seu traballo”. Armada subliñou que “o Concello de Ribadeo é a primeira institución pública en programar un concerto a través da plataforma bandeed.com desta maneira innovadora que é tendo en conta ao público, algo que nunca antes se fixera en España. Do concerto de Zahara se ofreceron 40 entradas a un prezo reducido de 5 euros para esa xente que facía posible o concerto. Vendéronse durante corenta días a xente de diversas partes coma Xixón, Coruña, Ourense ou Vigo. Eu non tiña expectativas de chegar tan lonxe con este concerto”. Para este xoven promotor ribadense “o feito de poder programar un concerto que lle poida interesar a unha persoa que está a 300 kilómetros de Ribadeo é algo que sería impensable doutra maneira. É moi positivo para a cidade, para o comercio local e para as iniciativas que se poidan dar aquí e incluso para os grupos de música locais que poden chegar a colaborar ou tocar con estes artistas nun futuro. É unha maneira de ter en conta á xente, de axitar o movemento cultural que poida haber na zona e que poidan saír concertos tan exitosos por aquí coma o que estamos a plantexar”.

Anxo Armada engadiu que “polo de agora levamos unhas 60 entradas vendidas e chegaremos a máis de 100. Cremos que para un primeiro paso é unha grande resposta a que está a recibir esta iniciativa”. A venda anticipada de entradas segue. O seu prezo é de 8 euros. E si se mercan o día do concerto na billeteira do Cine Teatro será de 12 euros. As portas desta instalación abriranse ás 19:30 horas e a curtametraxe comezará a proxectarse a partires das 20:00 horas.