Este venres, 28 de abril, é o último día para participar na primeira edición de Youtubeir@s – Concurso de vídeos na Rede. Esta iniciativa pretende fomentar a videocreación en galego na segunda rede social máis empregada do mundo, Youtube, a través de dúas categorías, vídeo-opinarmos e vídeo-facermos. Poden participar tódalas persoas maiores de 14 anos con vídeos de ata cinco minutos de duración. Hai 4.000 euros en premios que se repartirán entre as persoas gañadoras nun acto de celebración o venres 26 de maio ás 20.00h no Teatro Principal de Ourense.

Neste momento xa se poden ver na canle de Youtube de Youtubeir@s todo tipo de vídeos. Na categoría de vídeo-facermos hai dende receitas de cociña ata vídeos sobre como quitar os puntos negros do nariz ou como facer pasta de dentes para elefantes. Na categoría de vídeo-opinarmos as persoas participantes falan de temas tan diversos como a praga da couza guatamalteca, o amor na rede ou o deporte adaptado, entre moitos outros. O xurado, composto por Manolo González, María Lado, Manuel N. Singala, María Yáñez e Pablo Lamosa xa comezou o seu traballo de visionado das pezas.

Todo o mundo pode ser youtubeir@ porque tod@s temos algo que contar. Baixo esta premisa e para fomentar o acceso á videocreación, o programa Youtubeir@s impulsou dende decembro a abril máis de 20 obradoiros por toda Galicia impartidos pola produtora creativa Illa Bufarda.

Youtubeir@s é unha iniciativa dos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Toda a información sobre o Concurso en www.youtubeiras.gal