O rexedor declarou que “un ano máis, e xa van quince desta iniciativa que tivéramos desde o Concello de Ribadeo para poñer en valor o esforzo, o traballo e un produto, que é o percebe, un elemento de atracción de Rinlo indisociable a día de hoxe”.

Suárez Barcia dixo que “se ben nestes últimos anos son as percebeiras e os percebeiros os que están levando a festa e o Concello segue colaborando con toda a infraestrutura que hai que poñer, a intendencia, os aparcamentos, a publicidade, etcétera, e tamén a Xunta neste último ano, pois estamos entre todos convencidos de que este sábado será un día de éxito para Rinlo, para poñer en valor este produto e unha parroquia pequeniña, pero que brilla con luz propia neste mundo do turismo e da boa cociña. E a través dun elemento neste caso, noutros momentos pode ser outro marisco ou outro peixe, pero agora temos este elemento que segue sendo barato a pesar do seu prezo polo esforzo que teñen que facer e polo perigo que entrañan todos estes homes e mulleres do mar que teñen que apañar nel xogándose o tipo día a día”.

O alcalde engadiu: “polo tanto damos o noso apoio a esta iniciativa, no seu momento creada polo Concello de Ribadeo e hoxe en día xa consolidada como un elemento máis no verán desta comarca”.