O rexedor manifestou: “primeiro dicir que entendemos que non debe haber persoa ou institución que non estea consternada pola morte accidental desta rapaza hai dous días. Entendemos que debemos apelar á prudencia sobre as investigacións sobre este fatal desenlace polas autoridades que as están a levar a cabo, isto é, a Garda Civil, o Xulgado, a Xunta de Galicia. Queremos e desexamos que esta desgraza sirva para repensar os sistemas de información e de seguridade que ten este areal, toda medida preventiva é pouca e sempre se pode mellorar. Porque aínda que a súa composición xeolóxica é similar a outros moitos cantís, non xa de toda Galicia, senón de todo o Cantábrico, o certo é que aquí acode moita xente durante todo o ano”.

Para o alcalde ribadense “este tipo de desgraza pode ocorrer en calquera outro punto da nosa costa, pero a masiva afluencia de visitantes da praia de As Catedrais obriga a ser máis cautelosos con este lugar”.

Suárez Barcia dixo: “debemos lembrar que este entorno está cualificado como Monumento Natural, xa que non é nin sequera unha praia convencional, senón un areal que queda descuberto nos períodos de baixamar, polo que a súa dinámica é moi variable ao longo de todo o ano”.

E subliñou que “desde o Concello de Ribadeo aplicamos as competencias que as leis nos dan, como son as de información turística, limpeza do entorno e salvamento (de aí que como todos os Concellos do litoral de todo o Estado preocupámonos de dotar de socorristas ás nosas praias na temporada estival, mesmo os últimos anos vímonos na obriga de deixar ser servizo praias tan relevantes como Esteiro e Os Bloques por dispoñer do persoal necesario en As Catedrais ante a falta de suficientes socorristas; pedimos as autorizacións necesarias a Costas do Estado para poder poñer alí unha caseta informativa, etc)”.

O rexedor seguiu a relatar: “pero neste caso específico das Catedrais e da súa consideración de Monumento Natural e de Espazo Protexido da Rede Natura 2000, a conservación, xestión e planificación é unha competencia exclusiva do organismo autonómico competente en materia de Patrimonio Natural e da Biodiversidade. Aspecto que igualmente queda patente co Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia e no Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais. (Este Plan de Conservación aprobado no Decreto autonómico 80/2015, onde no seu art. 16 dispón que a Xunta será responsable do acceso á praia nos períodos que se establecen limitacións, que precisamente tamén determina a Xunta, sendo a autoridade que por decreto ten conferidas e/ou asumidas, por riba do resto de outras administracións, a autorización e denegación de accesos. En canto ás outras normativas que así o indican son as Directivas Comunitarias 92/43/CEE, Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, así como a Lei 9/2001 de Conservación da natureza onde no seu art. 41 di que a xestión dos espazos incluídos na Rede Galega de Espazos Naturais protexidos será responsabilidade da Consellería de Medio Ambiente)”.

Fernando Suárez dixo esta tarde: “por tanto, se as normas vixentes indican que ten a xestión, esta é unha xestión global do espazo desde o momento que se regulan os accesos ao areal, o número máximo de persoas que poden entrar nel e os períodos, porque tamén se ten que regular en función da seguridade das persoas. Por todo isto, non ten sentido algún que un organismo regule estes fluxos de entrada e pretenda que outro organismo que non ten competencias nin para acceder discrecionalmente cando queira poida garantir a seguridade desas persoas que entran nos cantís. Máis cando un Concello de menos de 20.000 habitantes non está obrigado a dispoñer dun Plan de Emerxencias”.

O alcalde comprometeuse a colaborar: “que non caiba dúbida algunha que o Concello de Ribadeo colaborou e seguirá a colaborar para promover, dentro das súas competencias, unha xestión racional do patrimonio natural e cultural, (como así o fai ano tras ano co salvamento e socorrismo na época estival, como así o fai nestes momentos na tramitación e impulso do Plan Especial das Catedrais para a ordenación do entorno adxacente ao Monumento Natural) pero en ningún caso é competente para asumir obrigas que por lei, recaen no organismo autonómico competente en materia de Patrimonio Natural e da Biodiversidade.  Nós, nin encargamos, nin tivemos nestes anos acceso a eses estudos xeolóxicos dos que se fala da perigosidade do entorno. Pero mais aló de todo isto, nós, si que queremos aportar, axudar e colaborar na mellora da xestión deste areal”.

Sobre a xuntanza celebrada hoxe en Santiago contou que “a Xunta de Galicia, acábanos de esbozar propostas para aplicar de xeito inminente a respecto da mellora de información e protección dos visitantes. Indicáronnos a intención de solicitar un informe xeotécnico a especialistas na materia, e, entrementres, adoptar unha serie de medidas encamiñadas a garantir ou minimizar os riscos de visitar este Monumento Natural. Medidas que se han concretar pola Xunta nos vindeiros días, e que xa avanzamos que nos parecen positivas porque o que queremos desde o Concello é que este entorno siga a ser visitable, pero por riba disto, siga sendo seguro. Colaboraremos en todo o que a Xunta nos requira, como non podía ser doutro xeito, sempre dentro das nosas competencias”.

Fernando Suárez Barcia rematou a súa intervención sinalando: “finalmente, desde o Concello, queremos rematar esta nota como se principiou, con absoluto respecto e o mais sentido pésame pola tráxica fatalidade que acabou coa vida dunha rapaza na súa visita a este Monumento Natural e que isto poida servir para que todas as Administracións (Xunta de Galicia, Ministerio de Medio Ambiente e Concello) poidamos traballar coordinadas para mellorar no futuro inmediato os servizos, a imaxe, a información, a seguridade deste Monumento Natural. Polo tanto, dende o Concello de Ribadeo queremos fuxir de calquera tipo de polémica e prestarnos dende xa a traballar unidos na busca da adecuada xestión do areal de As Catedrais, co fin de que se converta nun lugar que permita gozar dun espazo natural único e seguro para os seus visitantes”.