O rexedor explicou que “despois desta desagradable noticia de que a praia das Catedrais perdera a bandeira azul porque Adeac xulgou non conveniente darlla este ano, máis que andar tirando os trastos á cabeza e inculpando a uns e outros penso que isto ten que servir de revulsivo para facer todo canto estea na nosa man para que ano que ven volvamos ter a bandeira azul”. Suárez Barcia considera que “isto debe ser tamén unha demostración de que cando nos empeñamos podemos facer as cousas moito mellor e máis do que viñemos facendo, aínda que é ben certo e é boa verdade os moitos servizos dos que dotamos a esta praia nos últimos catro anos: aparcamentos en precario que conseguimos alugando prados, algo que nunca antes de fixera; reforzamos a seguridade e a vixianza, duplicamos o número de socorristas; puxemos puntos de información turística na época estival, tres persoas explicaron as bondades da praia e do concello e incluso atenderon aos visitantes en varias linguas; editamos folletos informativos en varias linguas con información, por exemplo, sobre as mareas e os perigos do areal; melloramos a limpeza no verán, limpando os aseos en horario de mañá e de tarde… si todo isto non é abondo realmente quere dicir que a capacidade que un Concello pode ter sobre unha praia, aínda que é municipal, excede con muito os servizos e as necesidades de calquera outro areal municipal, dado que é unha praia cun gran reclamo a nivel galego e internacional”.

O alcalde ribadense engadiu que “de aí que queiramos convocar a todas as administracións para ver si todas, a parte de ter unha vontade verbal, nos comprometemos a facer un referente e un mascarón de proa verdadeiro do que debe ser a praia das Catedrais. Convocamos aos responsables da Xunta, do Ministerio de Medio Ambiente, da Deputación de Lugo, xunto cos responsable de Adeac para que o 9 de xuño ás 12 da mañá no Concello de Ribadeo poidamos entre todos poñer o noso grao de area para voltar a ser o ano que ven unha honra para todos os galegos”.

Fernando Suárez subliñou que “aínda que este ano As Catedrais non teña bandeira azul esta praia seguirá a ser un referente, un emblema e poñeremos todo o noso empeño en facelo así neste 201, aínda que non contemos con ese galardón”.