O rexedor manifestou esta mañá que “tendo en conta este mal endémico que ten o estadio de fútbol Pepe Barrera, o seu campo que está desde hai moitos anos nunha situación lamentable, desde o Concello de Ribadeo encargamos a un equipo de profesionais especializados a redacción dun proxecto, que xa está redactado, e que ascende á cantidade de 421.000 euros para poder levar adiante e resolver dunha vez as deficiencias que plantexa este campo e que dá servizo tanto ao Ribadeo FC como a SD Ribadeo, e para tantos e tantos nenos, e non tan nenos, que usan este campo”.

Fernando Suárez explicou que “para iso, coma sempre, quixen convocar e queremos desde o goberno municipal dialogar coa Deputación e coa Xunta, que son as entidades que poden botarnos unha man, como se botan noutros Concellos por aí adiante. Están convocados para hoxe e temos a confirmación do presidente da Deputación de que si que vai vir a atender as explicacións razoadas deste proxecto, en que consiste, os prazos de execución, etc…, pero sorpréndeme porque pola prensa entérome de que supostamente me mandaron unha carta os da Xunta para dicir que o delegado da Xunta non vai vir. Debe ser que están máis acostumados a facer política de panfleto e mediática, pero cando un os chama para que veñan dialogar e intentar chegar a acordos parece que lle teñen medo e escapan como gato á auga”.

O alcalde de Ribadeo engadiu que “eu como xa son unha persoa que leva, a fin de contas, uns anos en política sempre acredito nesa máxima de que falando a xente se entende, polo ben de todos, sobre todo polo ben dos nosos administrados, dos cidadáns deste concello. Eu espero, aínda teñen tempo os da Xunta, de rectificar e que acudan de maneira honesta, sincera e aberta a esta reunión a tres bandas que quixemos convocar entre Deputación, Xunta e Concello. Van estar de testemuña de todo isto as directivas da Sociedade Deportiva Ribadeo máis do Ribadeo Fútbol Club, onde podemos falar sen ningún problema, non levamos un guión estrito, e podemos acordar e mirar que parte pon cada administración. En todo caso os que se auto exclúen dificilmente poden explicar todo o que queren explicar nos medios de comunicación, pero logo en persoa non o queren facer. Esperaremos e veremos”.

Finalmente a xuntanza celebrouse esta tarde sen a asistencia da Xunta de Galicia. Acodiron o presidente da Deputación, Darío Campos, o deputado responsable de Deportes, Pablo Rivera, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, o concelleiro de Economía, Vicente Castro, representantes do Ribadeo FC e da SD Ribadeo e tamén o arquitecto encargado do proxecto.