Suárez Barcia dixo que “é a primeira vez que varias administracións nos sentamos con calma e con ánimo constructivo e positivo para impedir que As Catedrais morran de éxito e para intentar consensuar os instrumentos que permitan levar adiante un aproveitamento sostible desta praia, é dicir que se siga visitando por moitísima xente, pero que ao mesmo tempo se impida que se vaia degrandando como está a acontecer nestes anos polos milleiros e milleiros de persoas que, de boa fé, pero sen rigor e sen control, empregan este areal”.

O rexedor explicou que “as persoas que viñeron no nome da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo, aínda non sendo cargos políticos, senón cargos técnicos competentes, foron moi sensatos neste diálogo que mantivemos abertamente expoñendo a necesidade de que todas as administracións implicadas (Estado, Xunta, Deputación e Concello) nos poñamos de acordo para facer cousas coma un plan de ordenación de uso público, que debe ir ligado á conservación do espazo natural. Neste caso debe desenvolvelo a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, aínda que teña que ver coa participación tamén do resto de administracións públicas para determinar cómo se canaliza a xente dentro dun espazo natural co fin de que siga sendo sustantable”.

Fernando Suárez engadiu que “simultáneamente debemos ir entre todas as administracións a regular o uso do solo a través dun plan especial da praia das Catedrais, que ben pode ser o Concello o que o impulse ou ben pode ser a Xunta. Acordamos que debemos adoptar medidas no inmediato para este verán, dado que cada ano acude máis xente a este areal. E ao mesmo tempo debemos iniciar ese plan de ordenación de uso público e ese plan especial da praia das Catedrais, que teremos que levar adiante entre todos”. O rexedor sinalou que “por parte do Concello tentaremos limar as diferencias que poida haber entre administracións e pídolles de maneira honesta que nos temos que poñer as pilas todos para empezar canto antes porque senón imos acabar mantando entre todos á galiña dos ovos de ouro, que é a praia das Catedrais”.

O alcalde ribadense comentou que “pasa a un segundo plano o tema da bandeira azul, que nos importa e interesa moito. Desde o Concello traballaremos intensamente e, aínda que hoxe non puido vir o representante da asociación que as outorga, intentaremos facer todo o que estea na nosa man para recuperala para o ano que ven, pero ise non é o obxectivo. O obxectivo máis ambicioso é conseguir que este monumento natural, declarado pola Xunta hai varios anos, conserve toda a súa potencialidade e que non se vaia deteriorando como sí o está a facer despois de que nos últimos anos miles e miles de persoas durante todos os días do ano estivesen acudindo a un areal que sin querer ou querendo o están a degradar pouco a pouco”. E subliñou que “entre todos temos que poñer as medidas necesarias para non permitilo. Vin moi boa fé por parte dos técnicos representantes da Deputación de Lugo e da Xunta e espero e emprazo aos responsables políticos a seguir nesta mesma liña. Por nós, desde logo, non vai quedar”.

Ao encontro celebrado no salón de plenos do Concello de Ribadeo asistiron a directora da Unidade de Proxectos da Deputación, Ana Belén Mera; o xefe do servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Rural, Jesús Latas; o arquitecto municipal, Francisco Moreda; o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, e o alcalde, Fernando Suárez.