O alcalde dixo que “esta xuntanza que acabamos de ter foi moi agradable, moi prometedora e moi ilusionante. Tivemos un encontro co director xeral de SEPES e co seu equipo, entre os que estaban o director comercial e o director xurídico, para darlle un impulso pendente ao polígono industrial de Ribadeo, que é un parque empresarial moi ben situado, con todos os servizos e de primeira calidade, pero ten un eiva importante: uns prezos de mercado actuais que non son todo o atractivos que deberían”.

Suárez Barcia explicou que “plantexamos todo isto e desde logo vemos a vontade firme para darlle un cambio importante a curto prazo. De feito comprometéronse a facer unha revisión á baixa dos prezos dunha serie de parcelas para poder darlles saída, agora que precisamente a economía parece que se empeza a mover e hai unha serie de liñas de axuda importantes para que novas iniciativas económicas poidan crearse. E queremos que o parque empresarial de Ribadeo sexa un aliciente para que se monten novas iniciativas económicas”.

O alcalde de Ribadeo engadiu que “debemos agardar uns días a que no consello de administración de SEPES, que é a entidade pública propietaria do solo industrial, se aproben estes cambios. E oxalá que dentro de poucos días poidamos dicir que este foi un bo día para Ribadeo”.