O rexedor indicou que “o compromiso do goberno de Ribadeo, do alcalde e de Ribadeo sempre foi e é inequívoco”. E lembrou que “hai tres meses eu fun unha das persoas que se manifestou por lograr unha tarifa eléctrica xusta que permita a viabilidade de Alcoa aquí, na Mariña. Si ben é certo que agora a preocupación que ten Alcoa é pola cuestión do gasoduto e que os responsables do Estado lle dean luz verde canto antes para que poidan seguir sendo competitivos ou, en todo caso, que poidan ser máis competitivos do que son”.

O alcalde de Ribadeo declarou que “o apoio inequívoco institucional de Ribadeo téñeno sen ningún problema pero eu, porque me gusta sempre dicir o mesmo independentemente do foro onde estea, advertín da situación previa á xudicialización por parte dunha serie de veciños tanto de Barreiros como de Ribadeo polo trazado do gasoduto da Mariña pola obcecación do Ministerio de Industria de non dialogar co Ministerio de Fomento, precisamente para utilizar terreos contiguos á autovía para pasar esa parte do trazado que está levantando tanta suspicacia, polémica e rexeitamento entre unha serie de veciños que moito me temo que máis aló do que poidan facer as administracións poidan acabar nunha vía contencioso administrativa que poida paralizar o proxecto”.

Suárez Barcia quere que “quede claro o apoio de Ribadeo inequívoco á factoría de Alcoa, a necesidade efectivamente de ter un gasoduto, pero quero chamar á responsabilidade, porque están actuando dunha maneira irresponsable tanto o Ministerio de Industria como o de Fomento por unha cuestión que se pode resolver de maneira moi fácil e moi curta no tempo, pero sen embargo están facendo oídos xordos a iso”.