A Suárez Barcia agrádalle que “desde a Dirección Xeral de Patrimonio xa deran instruccións de facer unha prospección e de reunir toda a documentación dese achádego e despois propoñer unha conservación dese pecio”. O alcalde dixo que “coincido con Patrimonio en que pensar a día de hoxe poder extraer un pecio desas dimensións sería sumamente custoso e aínda que para Ribadeo sería unha boa cousa entendo esta circunstancia. Desde o Concello non temos que facer unha cuestión bélica disto, a pesares de que este diñeiro se sufraga a base de acordos bilaterais entre a Xunta e o goberno do Estado”.

O rexedor ribadense pídelle a Patrimonio que “toda esta información que se saque no futuro máis inmediato, si pode ser durante o 2012, se poida explicar desde un punto de vista didáctico con aproximacións gráficas, documentais, audiovisuais… para que os nenos e nenas de Ribadeo e a xente da nosa vila poida coñecer un pouco máis a nosa historia”. Fernando Suárez subliñou que “o porto comercial de Ribadeo non comezou no século XX, senón que ten varios séculos de antigüidade en diferentes ubicacións ao longo do tempo, pero denota que o comercio de Ribadeo con outros puntos do Estado e de Europa non se remonta a hai corenta anos. Eu pedínlle que toda a información, aínda que teña que eliminar as ubicacións concretas para evitar expolios, a pase ao Concello para que poidamos ter unha exposición permanente, facer exposicións temporais ou contribuir a difundir a nosa historia importante ao longo dos séculos, como se demostra con este pecio de máis de 32 metros de eslora e que está nun estado de coservación bastante bó”.