O rexedor declarou que “a Xunta de Seguridade foi moi ben, como todas as que se celebran aquí en Ribadeo, neste caso era a primeira vez que estaba a nova subdelegada do goberno e foi un pracer tratar con ela”.

Suárez Barcia quixo “constatar que podemos estar optimistas. Evidentemente sempre hai delitos, problemas e cuestións negativas, pero as taxas están moi por debaixo da media galega e no 2019 melloramos con respecto ao 2018. Con todo non podemos baixar a garda e hai algunhas suxestións que se seguen facendo e que se aceptan de bo grao como intentar seguir traballando cos colexios en temas como a prevención, o acoso escolar, a xenofobia, as drogas e mesmo os incendios forestais”.

O alcalde de Ribadeo subliñou “a colaboración que está habendo entre a Garda Civil e a Policía Local, moitas veces con coordinacións conxuntas. Precisamente estes días estamos incrementando a nosa cativa Policía Local, que agora aumenta nun novo efectivo, e esperemos que nos próximos meses teñamos outro máis para ir cubrindo a ratio que debe ter Ribadeo”.

Fernando Suárez engadiu: “a queixa que temos desde hai tempo polo estado da A-8, ao seu paso por Ribadeo, que ten bastantes fochancas, e tivemos a comprensión e boa receptividade destas peticións, que serán atendidas en breve. Así como na intención de mellorar o alumeado de rotondas que están vinculadas á autovía, sobre todo no que ten que ver cos pasos de persoas, dado que no ámbito urbano de Ribadeo e en Vilaselán tamén son ámbitos urbanos, pasan os viandantes e aí estamos un pouco preocupados. A ver se podemos chegar a algún tipo de acordo nos próximos tempos, a corto prazo”.