Xunta e Concello asinarán a vindeira semana en Ribadeo o convenio por importe de 700.000 euros destinados ao financiamento das obras que se acomenten no Hospital Asilo.

110624 obras hospital asilo (1)

O alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, supervisou hoxe as obras do Hospital Asilo. O rexedor dixo que marchan a bo ritmo e anunciou que a vindeira semana a conselleira de Política Social, Fabiola Garcia, viaxará a Ribadeo para asinar co Concello ribadense o convenio por importe de 700.000 euros destinados a financiar parte destes traballos.

O rexedor contou que “séguese traballando na residencia Hospital Asilo. As obras avanzan a moi bo ritmo. Seguimos sendo estritamente rigorosos desde un punto de vista técnico da obra. Estamos encontrándonos certas novidades, pero pouco a pouco vamos solucionándoas. Neste caso, hoxe quixen visitar as obras do Hospital Asilo e ver como estaban avanzando. E tamén anunciamos hoxe que na semana vindeira a conselleira de Política Social acudirá a Ribadeo e firmaremos o convenio de 700.000 euros”.

Vega subliñou que “desde un punto de vista financieiro estamos xestionando o orzamento para eliminar o crédito que se sacara de 900.000 euros e desde un punto de vista de obras estamos sendo rigorosos, estritos e estamos velando polo cumprimento do contrato da licitación. E dende logo nosoutros, como Concello, debemos facer as cosas desde a responsabilidade, sen ningún tipo de nerviosismo, sen ningún tipo de despiste”.

O alcalde indicou que “o que estamos é a traballar, a mellorar e a ter unha futura residencia moderna, con todas as prestacións, con un bo equipamento e así acoller as persoas que queremos”.