O rexedor explicou que “estivemos nesta xunta local de seguridade, con presenza da Policía Local, da Policía Autonómica e da Garda Civil, avaliando todas estas cuestións que foron pasando ao longo do ano, e como se pode enfocar de cara a este ano que empeza”.

Fernando Suárez contou que “hai diferentes temas nos que seguimos traballando conxuntamente entre a Policía Local e o resto de forzas de seguridade, atendendo especialmente a estes roubos que houbo nestes últimos tempos para dar cos autores. Creo que se está polo bo camiño, pero hai que deixar seguir traballando ás autoridades policiais”.

Para o alcalde de Ribadeo “é importante estes traballos que se estiveron facendo no que ten que ver con esta problemática que hai en Ribadeo e en todos os sitios, co alcohol e a venda de alcohol a menores e co botellón. Eu sei que tanto a Policía Local como a Garda Civil intentan vixiar para que isto non se produza en menores de idade, e nos o que pretendemos é unha maior concienciación tanto destes rapaces e rapazas como dos seus familiares”.

Suárez Barcia informou de que “tamén traballamos conxuntamente en materia de violencia de xénero, onde nos repartimos algunha vixilancia dalgúns casos. Afortunadamente non hai demasiados, pero con que haxa un xa é demasiado”.

O alcalde de Ribadeo subliñou que “outro punto que tocamos é a situación das estradas, singularmente as que son competencia do Estado como é a A-8, onde no tramo de Ribadeo hai bandóns que empezan a ser perigosos de novo, e iso ofrece unha inseguridade moi grande aos condutores. Tamén denunciar a situación terrible na que se atopa a N-642 de Ribadeo á Veiga, de Ribadeo a Porto. Hai que lembrar que hai varios meses a Corporación unanimemente pediulle ao Ministerio de Fomento que tomara cartas no asunto, sen que a día de hoxe haxa unha solución, nin se espera que a curto prazo a haxa. É realmente perigoso pola situación de deterioro que ten, polo grixo que hai solto polas beiravías, e tanto para os ciclistas como para os motoristas e os vehículos en xeral, está sendo un auténtico perigo que temos que esixir que se adopten medidas canto antes. Outra suxerencia que nos indica moita xente é que o Ministerio de Fomento debera periodicamente, cando menos unha vez ao ano, efectuar un barrido, por todas as estradas da súa titularidade, de grixo polas beiravías. Moitas veces os ciclistas teñen que invadir a calzada dunha maneira importante porque están impracticables as beiravías”.

Fernando Suárez manifestou que “o subdelegado tomou nota para transmitirlle ao Ministerio de Fomento que se queremos ter unhas vías seguras, debemos estar, no que ten que ver co mantemento óptimo para que poidan as vías ser seguras”.

O alcalde ribadense engadiu que “finalmente falamos do que ten que ver cos incendios forestais, onde lles trasladamos esta iniciativa, que moitas veces parece que é unha gran cuestión mediática, a de cumprir as franxas de protección libres das vivendas, pero realmente non estamos máis que aplicando unha lei que leva anos en vigor, que non é unha lei municipal, que é unha lei autonómica. Eu pídolle ao subdelegado do goberno, que aínda non ten competencia directa en materia autonómica, si que medie para que a Xunta poña todos os medios que lle pedimos, todos os medios técnicos e económicos necesarios, para levar a bo fin esta iniciativa que, insisto, nin pretende ser novidosa nin pretende ser estrela, pretende ser de cumprimento das normas que hai, que están establecidas e que nos significarán que se o facemos ben no inverno, cando chegue o verán, cando chegue o perigo estaremos moito mellor preparados. Esperemos polo tanto que así sexa”.