A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, anunciou na súa intervención que “estamos ultimando un programa lúdico e de ocio tamén, pero a nivel educativo e de sensibilización, para os rapaces, as rapazas e para os nenos máis pequenos, para as crianzas, que se vai desenvolver a carón do Cine Teatro, na praciña 8 de Marzo, nunha carpa que imos situar alí ao longo da tarde do sábado, para que poidan participar e poidan facer diferentes actividades, como contacontos. Todas relacionadas coa posta en valor das mulleres do noso concello ás que lles temos dedicado nomes de rúas, para visibilizar un pouco o mundo feminino e poñer en pé de igualdade a gran valía que teñen as mulleres tanto no noso concello como na nosa historia e na nosa vida en particular. Aínda que o programa non o imos presentar hoxe, daremos cumprida información do mesmo, dicir que son actividades totalmente gratuítas, e que poden facilitar que as persoas que queiran acudir ás charlas poidan deixar nelas aos seus fillos e ás súas fillas, e poidan conciliar tamén para asistir. Pero sobre todo para achegar o que se está facendo dentro do Cine Teatro, que son talleres máis teóricos, aínda que tamén vai haber algún práctico, á cidadanía e a facelos partícipes deste ámbito como cidadáns que nalgún momento van ser os adultos que forman parte da nosa sociedade, van ter as súas relacións, van ser educadores e educadoras tamén”. 

Á edil ribadense parécelle “unha boa maneira de sensibilizar e educar neste ámbito. Quizais sexa a novidade deste ano porque o programa, como sempre, nós pensamos que é moi completo. Tamén convidamos, agora que se están poñendo puntos lila nas actividades e nos festivais, é unha boa maneira para que as persoas que actúan como voluntarias veñan formarse a estas xornadas de Ribadeo, para que teñan unha idea e uns conceptos porque non todo vale. A vontade é moi importante, o voluntariado tamén, pero nós cremos que neste tema tan importante non vale só co voluntariado, as administracións temos que poñer o mellor de nós, temos que apostar economicamente por efectivos deste tipo e por poñer ao fronte das organizacións e dos eventos que fagamos a profesionais que estean debidamente cualificados para poder afrontar estas situacións. Será bo momento para que aquelas persoas que queiran formarse, que teñan esas iniciativas e esa querenza, acudan alí para poder facelo”.

Pola súa banda, a directora do CIM, Luisa Couceiro, dixo que “despois destes dez anos facendo estas xornadas, seguimos pensando que o proceso de formación e aprendizaxe ten que ser permanente, xa que é unha temática como son as violencias machistas, que está en pleno auxe, e non como algo positivo senón como algo que non damos paralizado tan sequera, e ademais percibimos que hai unha normalización tanto dos feminicidios como da convivencia de determinadas actitudes e comportamentos machistas que veñen ser o xermolo das desigualdades das mulleres”. 

Couceiro explicou que “este ano centrámonos en varios temas, como sempre, dende unha perspectiva interdisciplinar, pero este ano quizais moito máis interdisciplinar que outros anos, onde había unha temática común e a partir de aí se ían tecendo diferentes subtemas. Por unha banda imos centrarnos un pouco nun tema de actualidade como é a xustiza patriarcal. Levamos vendo ao longo deste 2018, xa sen mencionar o 2017, varias sentencias que tiveron moito eco social como foi a sentencia da Manada ou a de Juana Rivas, e por outro lado as institucións seguen co mesmo discurso de denuncia que iso che vai resolver os problemas. Entón queremos poñer sobre a mesa que é o que está pasando, porque as mulleres cando denuncian, ao final lles dá máis problemas que solucionalos”.

No acto, ao que asistiron representantes dos centros de ensino de Ribadeo, do Concello e do centro de saúde, Paz Ramil manifestou que “despois de once anos é bastante complicado non reiterar determinadas cuestións ou determinadas temáticas cando xiramos tantos anos co tema da violencia de xénero, pero creo que unha vez máis conseguimos, tanto polos profesionais que veñen como por diferentes temáticas como as diversidades afectivo-sexuais, volver ser pioneiras en determinadas cuestións”. 

E destacou o traballo realizado polo Concello de Ribadeo: “porque a aposta que fai pola violencia de xénero é moi seria, porque levamos once anos traballando. Creo que non existe ningún caso, non nun Concello como o noso destas dimensións tan pequenas, senón en calquera outro concello máis grande en toda Galicia, que teña a posibilidade de dicir o mesmo, de apostar non só no feito dunhas xornadas senón apostar seriamente porque, durante todo o ano, diferentes profesionais de todos os eidos que poden ter algo que ver, que dicir e que traballar coas mulleres en situacións de violencia de xénero, e cos seus fillos e fillas, fagamos un traballo continuado e serio. Nese senso penso que é importante resaltalo. Unha vez máis invitar a todo o mundo a que acuda masivamente porque isto é froito do traballo dunha determinada xente, pero estamos encantadas de que teñan éxito, e o éxito é evidentemente coa achega das persoas que acoden e co que aprendemos todas e todos”.