Os nenos de 3 anos xa puideron participar onte nun obradoiro de debuxo que tivo lugar pola maña na Casa da Xuventude. Pola tarde, as nenas e os nenos maiores de oito anos desenvolveron as súas habilidades nunha xincana educativa no parque de San Fracisco. Do mesmo xeito, a rapazada de 12 anos en diante pasou unha xornada do máis creativa, cociñando e lambeteando nun obradoiro de cociña creativa que os tivo entretidos mañá e tarde. Ata se desprazaron en grupo a facer a compra para preparar as merendas.

Esta semana santa está sendo do máis diversa dado que nenos, nenas e rapazada están podendo participar en actividades axeitadas para cada público. Pero a axenda continúa, así, hoxe martes toca mover as pernas polo roteiro das Aceas e xogar pola tarde na Casa das Algas. E na Casa da Xuventude desenvólvese un obradoiro de fotografía en horario de mañá e tarde, no que as participantes traballarán como verdadeiras profesionais da imaxe.

O mércores, o programa péchase con varios obradoiros da risa e un contacontos na biblioteca municipal a partires das 17:30 horas. Este acto está dirixido a nenos e nenas a partires de 3 anos.
Nas actividades deportivas que están tendo lugar na praza do Cantón están a participar en total máis de 100 nenos e nenas, segundo os datos facilitados no día de hoxe pola Concellaría de Mocidade e a OMIX de Ribadeo.