A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio comentou que “só cinco anos fan deste Ribadeo Indiano un éxito. A verdade é que dende a organización a satisfacción é plena tanto pola asistencia de visitantes como pola participación nas diversas e numerosas actividades que se foron conxugando nestes días, charlas, xincanas, bailes, o festival de habaneras, coches de época, entre outras moitas que sería moi longo enumerar”.

Ana Martínez dixo: “temos que engadir o importante impacto económico que supón todo isto no comercio e na hostalería que durante toda a fin de semana estiveron cheos ata a bandeira. Como se viu durante estes días cada ano é máis a xente que se achega a Ribadeo para disfrutar do Indiano tanto na parte festiva como na cultural e histórica. A identidade deste evento conxuga perfectamente as conferencias e exposicións coa festa, a ledicia e a nostalxia, todo iso que evoca un pasado próximo e familiar. Eu creo que é algo moi importante evocar ese pasado no que é a vida de moitas familias ribadenses e por extensión do resto de Galicia. Penso que este é un punto moi importante porque fai que moita xente queira achegarse a Ribadeo durante esta fin de semana para vivir a festa nese recordo e nesa identidade cos seus antepasados”.

A edil ribadense declarou que “é difícil dar unha cifra redonda de asistentes, de participantes, da xente que se achegou a Ribadeo durante a fin de semana. Sempre é difícil redondear, pero a participación nestes tres días foi claramente superior á do ano pasado, polo que entendemos que probablemente se superaron durante os tres días os 50.000 participantes na festa. Isto supón un número importante porque arroxa un resultado tamén económico moi positivo en todos os sectores, tanto nas perruquerías que estaban cheas e me comentaba xente pola festa que tiveron que ir a concellos próximos como na Veiga ou a Barreiros, restaurantes que tamén e mesmo e hoteis. Polo tanto outro dos obxectivos importantes deste evento, que era ter unha repercusión económica no comercio, na hostalería e no sector servizos de Ribadeo, creo que está máis que cumprido”.

Ana Martínez fixo fincapé en que “detrás de todo hai algo importantísimo para que o Indiano sexa un éxito, para que o Ribadeo Indiano sexa hoxe o que é logo de cinco anos que é moi pouquiño tempo para a proxección que ten xa este evento, hai que destacar o traballo e o esforzo de moitisimas persoas. É un equipo integrado por Acisa, a asociación de comerciantes de Ribadeo, e o Concello de Ribadeo, que son os organizadores do Ribadeo Indiano onde cada un dá o mellor de si. Son moitisimas horas de traballo, de moitisima xente, que non me quero esquecer de ninguén de darlles as grazas de corazón porque o esforzo é enorme. Dende a coordinación por parte do Concello da nosa técnica de Turismo, Begoña García, e por parte de Acisa do seu xerente, Jesús Pérez, xunto con todo o resto dos traballadores tanto municipais como da asociación de comerciantes, sen eles non habería Ribadeo Indiano. Tamén outros colaboradores aos que lles quero dar as grazas dun xeito moi especial tanto para as charlas, a decoración, a recollida das flores que se recollen en moitisimas casas que nos ceden flores gratuitamente, o grupo de teatro, a Coral, a Banda, o coro do Colexio Sagrado Corazón. A moitisima xente que aportou o seu grao de area para sumar e construír entre todas e todos este Ribadeo Indiano”.

A concelleira de Turismo lembrou que “hai cinco anos só uns poucos críamos que o noso pasado máis sensible, a pegada indiana, podía ser un escenario histórico para recrear un Ribadeo pasado conxugado cun Ribadeo presente. Sabíamos que isto podería ser porque era un reflexo do que tíñamos na rúa. Ademais críamos que saber de onde vimos é moi importante para non esquecer nunca quenes somos. Sen frivolidade, buscábamos facer un Ribadeo Indiano que non soamente fose unha parte festiva e que todo quedase aí, porque é moitisimo máis que o que é soamente o evento musical ou festivo. Polo tanto non debíamos ter soamente iso senón que con rigor histórico, pero tamén conxugando esa parte festiva e ese ambiente de ledicia, a nostalxia, a morriña, o recordo de quenes somos, de quenes nos precederon na construción do noso  pobo, merecía esta festa na que todas e todos disfrutamos a ritmos tanto de aquí como de acolá, porque outra das cousas importantes é conxugar as súas culturas para poder ver realmente o que supoñía naquela época”.

Ana Martínez engadiu que “o Ribadeo Indiano eu creo que podemos definila como a festa do pobo para homenaxear aos que un día tiveron que partir, pero que nunca, tanto fosen ricos como probes, esqueceron a súa terra. Polo tanto quero dar as grazas a todas e a todos por facer posible esta homenaxe, e lembrar que o 2019 xa nos está esperando aí, o Ribadeo Indiano será a segunda fin de semana do mes de xullo (do 12 ao 14 de xullo), que volveremos ser indianos por un día”.

A edil ribadense insistiu en dar “as grazas a todos e a todas de todo corazón, porque realmente sen vos non habería este éxito”.