O rexedor subliñou que “esta fin de semana foi un éxito rotundo a décima edición do Ribadeo de tapeo, que desenvolve o Concello coa participación de 51 establecementos tanto da vila como das parroquias, son restaurantes, bares, mesóns… E a parte do bo facer destes profesionais da cociña en miniatura, hai que destacar as actividades paralelas que se desenvolveron estes días e que tamén contaron cun notable éxito, como ocorreu co obradoiro para os máis pequenos que deu Ana Oca, unha rapaciña que ten vinculacións con Ribadeo e que participou hai pouco no programa de televisión Masterchef Junior, coma o anelamento de aves que tivo lugar o domingo en Rinlo”.

“Eu quédome particularmente coas boas impresións que nos están a trasladar os restauradores, os donos dos establecementos que participan. Agora pola mañá sondeando como lles foi esta fin de semana maioritariamente din que lles foi moi ben, que acompañou o tempo, e que notan que nesta primeira fin de semana do Ribadeo de tapeo tiveron máis xente que no mesmo período do ano anterior”, explicou Fernando Suárez.

O alcalde ribadense considera que “isto vai a máis, Ribadeo segue a convencer a moita xente que ven doutros concellos de cerca a disfrutar desta iniciativa, que poden seguir non só a través dos programas de man senón tamén polas aplicacións de móbil onde poden ver os horarios, os lugares, o tipo de tapa, etc”.

Suárez Barcia anima á xente a visitar Ribadeo estes días: “aos que non viñeron aínda dicirlles que teñen todos estes días por diante ata a fin de semana próxima e aos que xa degustaron algunhas tapas dicirlles que teñen moitas máis durante toda a semana para disfrutar da gastronomía en miniatura e do bo facer dos restauradores locais”.