A edil nacionalista indicou que “un ano máis o Ribadeo de Tapeo arrancou con forza tanto o sábado, a pesares de que non foi un día climatoloxicamente moi positivo, e tamén o domingo no que o tempo xa nos acompañou un pouco máis. Arrancou con esa forza que arranca normalmente este Ribadeo de Tapeo no que un gran número de xente se achegou a degustar esta cociña en miniatura, que cada mes de maio se dá cita en Ribadeo xa dun xeito tradicional”. Ana Martínez contou que “segundo nos comentan diferentes establecementos a participación de xente mantén os niveis de anos anteriores, o cal significa un éxito rotundo xa que ano tras ano a xente espera este evento para darse cita, para quedar, para saír de tapas. Penso que forma parte xa dunha tradición entre amigos e amigas, penso que é unha cita máis que esperada para degustar esta pequena cociña en miniatura, estas pequenas propostas que os 50 establecementos participantes este ano nos poñen enriba das barras para que todo o mundo poidamos coñecer estas propostas da mao dos nosos establecementos”.

A concelleira de Turismo salientou que “tamén este ano temos que dicir que se engadiu o Mercado dentro desta campaña internacional Quere o teu mercado e que segundo nos comentan desde a asociación de praceir@s foron moitas as persoas que tamén se achegaron por unha praza de Abastos decorada para a ocasión, a degustar esas propostas que desde os diferentes postos nos foron ofrecendo”.

Ana Martínez explicou que “hai uns anos dende o Concello iniciamos unha aplicación para móbil para poder seguir o tapeo ademais dos libriños que damos, e que para moita xente supoñen tamén algo substancial para poder seguir o concurso. Pero desde hai anos traballamos tamén a través das redes e das aplicacións móbiles. Este ano nos unimos a dúas Qué damos de tapas e Ribadeo Gastronómico e si é certo que este ano ten un pequeno fallo técnico esta última que se resolverá en breve, pero tamén se pode seguir o concurso sen ningún tipo de problema en Qué damos de tapas”.

A edil ribadense convidou “a todas e a todos a seguir tapeando e degustando cada unha das propostas destes 50 establecementos que participan, porque aínda son moitos os días que quedan e aínda son moitas as propostas que seguramente podemos ir probando”.

A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio invita ademais a “sumarse tamén este próximo venres, 27 de maio, aos Cantos de taberna que desde as oito da noite darán unha nota musical. Será unha nova iniciativa que este ano se integra dentro do Ribadeo de Tapeo, pero que será unha iniciativa que desde o Concello queremos seguir apoiando porque eu penso que todo o que supoña as relacións persoais, o que supoña recuperar vellas tradicións que en si engloban esa esencia fundamental das persoas de xuntarnos, de falar, de conversar penso que é importante seguir fomentándoa”.

Finalmente Ana Martínez animou “a todas e a todos a seguir participando deste tapeo, a seguir degustando, a seguir cantando tanto no que son os establecementos da vila como nos que este ano participan desde Rinlo”.