Suárez Barcia dixo: “estamos chegando ao ecuador desta nova edición do Mercado do Nadal de Ribadeo e temos que facer unha valoración positiva, dende logo, á vista da cantidade de xente que estes días veu a Ribadeo. Encheron o parque de San Francisco, as rúas e os espazos públicos onde está asentada este ano a 13ª edición do Mercado do Nadal, con 25 expositores, 25 artesáns da Mariña, de Ribadeo e tamén de fóra. Este ano, que é a primeira vez que hai tanta xente de Ribadeo en artesanía, a valoración de todos é moi positiva, tanto dos de Ribadeo como dos de fóra. Están moi contentos polo número de ventas, pero tamén o sector servizos en xeral”.

O alcalde subliña que “o sector hoteleiro e hostaleiro están valorando que esta ponte está traendo moita xente a Ribadeo. De feito na Oficina de Turismo chamaba a atención esta fin de semana que había colas que rememoraban un pouco a época estival, se non fora porque estamos en decembro e hai máis frío”.

O rexedor indicou que “hai moita xente de fóra que escolle Ribadeo e vén a Ribadeo consumir, gastar, gozar, e está moi agradecida desta cantidade de eventos que hai e destes reclamos que dende o Concello de Ribadeo tamén creamos para que veña xente e merque. Polo tanto convidamos aos que non o fixeron a que se acheguen estes días de ponte que quedan e, aos que non o fagan, que se preparen para dentro duns días vir á pista de xeo natural que o Concello de Ribadeo, coa colaboración de Acisa, imos poñer por vez primeira. Agardamos que todo vaia ben e consiga atraer a moita máis xente”.