Campos dixo que “vivimos unha fin de semana moi intensa dentro das actividades da plataforma Sonda Norte de Ribadeo. Comezamos o venres coa inauguración da primeira exposición de banda señada, cómic e ilustración, unha exposición colectiva que se inaugurou na Casa da Xuventude coa asistencia de máis de 100 persoas, que se congregaron alí para ver esta exposición na que participan 14 mozos e mozas de Ribadeo, vinculados á pintura, ao cómic, á ilustración”. Dita exposición estará aberta na Casa da Xuventude ata o vindeiro 3 de agosto.

O edil nacionalista contou que “tamén o sábado, e a pesares do clima un pouco adverso que tivemos, puidose celebrar con moito éxito, tanto de asistencia como pola calidade do espectáculo que se presentou, a proposta Ardora que misturaba música, poesía e danza a cargo Víctor Villar, María Justo e Martín Bucki, tres mozos ribadenses, vinculados á nosa vila e ao noso entorno. O resultado foi estupendo e buscaremos a maneira de que este espectáculo poida desenvolverse noutros puntos de Galicia, porque todo o mundo entendeu que é un espectáculo de moita calidade e que merecía a pena para que noutros lugares de Galicia puidesen disfrutalo”.

Ademáis o sábado Sonda Norte tivo unha xuntanza para preparar o traballo que fará desde agora ata o remate do ano. “Xa comezamos a planificar as seguintes exposicións e tamén as primeiras publicacións de Sonda Norte, que en breve poderemos presentar, especialmente un caderno poético e visual realizado só por rapazas de Ribadeo. Toda unha serie de actividades culturais coas que desde Sonda Norte pretendemos seguir dándolle valor á creatividade da mocidade ribadense. Entendemos que están contribuindo a axudar a dinamizar cultural e económicamente a nosa vila, o noso concello”, sinalou Xavier Campos.