Vizoso dixo: “quero facer un primeiro balance positivo da asistencia a RibaXogo, o espazo de ocio infantil e xuvenil que o Concello de Ribadeo, en colaboración con Acisa, puxo en marcha este Nadal. A resposta está sendo mi positiva e a afluencia moi alta. Tan so hai que pasar polas tarde polo parque de San Francisco e ver como gozan de todas as atraccións alí instalados os máis pequenos e pequenas e non so os tan pequenxs”. 

O edil ribadense lembrou que “en RibaXogo ata o 6 de xaneiro os que se acheguen atoparán moitas propostas para pasar unhas horas de divertimento: multicircuíto de cars (a pedais) ou bañeiras tolas, simulador de surf, espazo para obradoiros, rokomonte, barredora, parede interactiva e, ademais, na parte anexa á carpa está a atracción Battle Area para xogar con dispositivos Nerf. Tamén se desenvolverán diversas actividades de forma alterna case todos os días. Xa estivo Papá Noel e dentro duns días virá un carteiro real, contamos tamén co futbolín humano, Mini Láser Tag no exterior da carpa, karaoke, Mascota Disney, xogos xigantes, contacontos, xogos tradicionais, a visita do Apalpador, fotomatón con Digital Chroma… e moitas outras cousas”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo aproveitou para recordar que “RibaXogo estará aberto todos os días ata o 6 de xaneiro, excepto o 1 de xaneiro, día de Aninovo. De luns a xoves o horario é de 17 a 21 horas e os venres, sábados e domingos funciona ademais de 12 a 14 horas e tamén polas tardes de 17 a 21 horas. O 31 de decembro, é dicir en Anovello,  abrirá de 12 a 14 horas e de 17 a 20 horas. Os prezos para gozar das atraccións e actividades de RibaXogo son de 3 euros polas mañás e de 5 euros para toda a xornada. E os que presenten os tíckets de ter realizado as súas compras ou de consumir nos establecementos asociados a Acisa Ribadeo por importe superior a 20 euros obterán un desconto do 50 por cento”.

Pablo Vizoso anima “a toda a xente dos arredores a achegarse a RibaXogo coas súas nenas, nenos e rapaces porque o van pasar moi ben, van gozar dun Nadal diferente. Ademais de RibaXogo en Ribadeo nestes días hai actividades programadas para todos os públicos”. 

Aínda que RibaXogo ía estar aberto inicialmente ata o 5 de xaneiro, este centro de ocio infantil e xuvenil abrirá tamén o día de Reis pola tarde, debido a que a súa posta en funcionamento se retrasou unha xornada, como consecuencia do temporal rexistrado o 21 de decembro.