O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, subliñou que “en torno a unhas 1.200 persoas visitaron ao longo de catorce días a exposición Mariñarte. Para nós é un pracer comprobar que a sala de exposicións que habilitamos no Forte de San Damián no verán ten moi boa acollida por parte da xente, porque a verdade é que é moi acaída a visita. Como sempre me gusta dicir damos un paseo e contemplamos fotografías, pintura, moda, deseño… o que puidemos ver nesta ocasión en Mariñarte foron obras de Lucía Catuxo, Mirian Viveiro, José Bruzos, Carla Méndez, Rosana Míguez, Virginia Quintana, Ánxela López, Héctor Manasé, Laura Alonso e Yasmina Pena”.

Farruco Graña salientou que “foi unha exposición moi visitada por unha media dunhas 80 persoas ao día, o cal dá mostras de que hai interese pola arte e pola xente nova que empeza a dar a luz ás súas primeiras obras na comarca de A Mariña e tamén na nosa veciña comarca naviega”.

O edil nacionalista engadiu que “tamén hai que lembrar que houbo unha sala xuvenil con traballos de alumnos e alumnas do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e tamén unha sala infantil con traballos dirixidos por MauMarela. Tivemos oportunidade ademais de asistir a un obradoiro de bonecos triádicos da man de MauMarela. Era precioso ver cómo ía deseñando a máquina bonecos en tres dimensións”.

Farruco Graña comentou que “ademais visitounos Tomás López da olaría de Gundivós e deixounos como agasallo unha peza. Puidemos contemplar durante toda unha mañá como Tomás López ía deseñando unha xarra e cun barro tamén moi peculiar porque ten uns tons escuros”.

O concelleiro de Cultura anunciou que “está a piques de inaugurarse unha exposición de fotografía de Pepe Álvez que organiza a Asociación da Prensa de Lugo. Vai estar aberta ata o 2 de setembro na Sala de Turismo. Será unha exposición peculiar, de feito o seu título é Mobilandia 2. Vainos chamar a todos a atención porque é unha exposición que poderíamos ter feito nós mesmos co noso móbil e así foi como fixo o seu autor”.

Farruco Graña concluíu dicindo que “por último temos que anunciar que o concerto Música de Cine da Banda de Música Municipal de Ribadeo vai ser este venres. Pero temos que pedir desculpas por unha pequena descoordinación que houbo posto que inicialmente nós tíñamos previsto que o concerto fora para as 20:30 horas, pero será ás 22:00 horas. Estamos pendentes do tempo, se está bo será no Parque de San Francisco, pero se houbera mal tempo será no Cine Teatro”.