Farruco Graña salientou que “o espectáculo multidisciplinar Juana, inspirado na poeta uruguaia de raíz galega que dá nome á biblioteca de Lourenzá, estreouse o sábado no Cine Teatro de Ribadeo con grande acollida de público que recibiu calurosamente esta proposta de estética e contido artístico ben orixinais”.

O edil nacionalista contou que “a elección de poemas, haikus, canción ou fragmentos de poema foi collendo forma desde a voz da propia Juana de Ibarbourou en audio. Marca así a escritora americana a saída morriñenta por Galiza, e son os poemas dedicados a esta terra os que aportan o principio ou sentido do desenvolvemento desta obra. Distribuídos por escenas, os poemas de Juana de Ibarbourou entretecéronse cos de Marina Oural seguindo a proxección natural do cultivo. A dor, os apoios e as ausencias, as rosas, o val, o amor, o sexo, a rabia, a rebeldía, a luz da bágoa e a risa, os soños, as feridas e a forza de crear palabras desde o ventre, son as emocións que marcaron a elección de textos coa improvisación como exercicio consciente en cada momento”.

Graña dixo que “o equipo artístico que realizou esta performance apostou por compoñer seguindo o instinto e o sentir desde a sinxeleza de comunicar cultivando emocións, e a consciencia de descubrir unha poeta, e así descubrirnos a nós mesmos; e fixérono fuxindo dun estudo exhaustivo da obra, senón que máis ben o que fixeron foi converterse eles nunha ponte entre o espectador e a propia obra ao tempo que a facían protagonista do presente. Sumáronse textos propios da autora laurentina coa intención de dar e recibir espazo escénico onde transmitir a mensaxe de fondo que abriga a obra. Tratábase de ser quen de construír un común entre artistas de diferentes linguaxes de formas desde os valores que a terra e a danza contact lle transmiten a Marina Oural e que impregnan toda a obra: colaboración e non competición, coidar e ser coidado, o erro como oportunidade de aprendizaxe, o espazo e todo o que nos rodea é importante, dar e recibir nutrindo, caer e erguerse con apoios firmes, todos somos mestres e alumnos á vez, na diferenza radica a fertilidade…”.

A música e a danza en Juana
O concelleiro de Cultura en Ribadeo explicou que “a música de Juana, composta e improvisada, aliméntase de tradicións múltiples: o folklore galego, a música popular latinoamericana, os ritmos africanos que empapan todo o que nos fai bailar, o free jazz, a improvisación libre. A música de aquí que viaxou a outros lugares, e a música que nos chegou desde o outro lado do océano, todo o que escoitamos desde pícaras, entrelazados co espíritu actual e enérxico do free jazz e a improvisación libre, sentidos e vividos. O discurso musical desta obra funciona dentro dun contexto escénico, poético-sonoro, que ten a escoita e a improvisación como base para a interacción cos poemas de Juana de Ibarbourou e Marina Oural, así como coa danza e o movemento de Irene Álvarez Coto. Hai batería, contrabaixo, saxo soprano e percusión miúda: un kechapi (instrumento de corda de Indonesia), unha ocarina, campaniñas, dúas kalimbas e un tubo harmónico. A danza e o movemento en Juana execútanse baixo a dirección escénica de Mónica Cofiño Arena. Pola súa banda a textura visual de Juana constrúese en forma de danza, desde a improvisación a través do sentir no corpo a melodía, sonoridade e contido do texto, música e voz, debuxando así unha plasticidade natural para cada escena. Aparecen movementos baseados en técnicas da danza contemporánea, contact improvisación, danza teatro, yoga, danza, butoh e bailes a dúo desde os tempos das festas e salóns de baile vividos na zona da Mariña desde a crianza ata a adolescencia. Diversos elementos escénicos marcan a pauta en moitas ocasións, así vanse xerando estruturas máis ou menos coreografiadas-fixadas. Sempre queda lugar para a improvisación instantánea na escoita entre todos os integrantes da obra, para deixar lugar constante á frescura do descoñecido”.

Farruco Graña dixo que “foi un pracer para todo o público asistente gozar de tan excelente espectáculo poético-musical. Agardamos seguir apostando por iniciativas deste tipo nas que poidamos ver novas propostas estéticas que ademais teñen como fío fundamental dar a coñecer a Mariña luguesa. Neste caso foi Lourenzá, con colaboracións tamén dun ribadense ilustre como é Xavier Rodríguez Baixeras”.

E engadiu que “entre todos, entre toda A Mariña, seremos quen de darnos a coñecer polo mundo se colaboramos. Ogallá esta performance, Juana, realiza por Marina Oural e un excelente equipo artístico, teña proxección noutros países, nomeadamente no país que deu acollida ao pai de Juana de Ibarbourou, Uruguai”.

Créditos
Marina Oural, (Galicia). Poeta-rapsoda, produtora galega e practicante de DanzaCI, escrebe e dirixe esta obra na forza primeiriza. Irene Álvarez (Asturias-Cádiz) bailarina-coreógrafa e directora do Asturias Contact Festival, mergúllase na Danza facendo arte do vento. Chefa Alonso (Galicia-Madrid) música, mestra e compositora galega asume a dirección musical experimentada e rigorosa da Improvisación Libre. Ramón Peña (Galicia) músico galego do Ortegal trae na batería o ritmo herdado da escena aberta en A Escondida Café-Concerto. Jorge Frías (Madrid) chega co seu contrabaixo de Madrid, para dar e recibir o virtuoso da terra con notas e cores sublimes. Mónica Cofiño (Asturias) espeta firme a dirección escénica e, co paraugas do mundo LaXataLaRifa, dá a súa mestría e brío co ímpeto dos prados. Xavier Rodríguez Baixeras (Galicia), enxerta a revisión dos textos desta obra coa mestría da sabia de poeta e tradutor de sempre. Alberto Casas (Galicia), programa e executa a iluminación desde o azul de Sargadelos.