A concelleira de Turismo, Ana Martínez, declarou que “desde a Delegación de Turismo con estes percorridos a pé guiados entendemos que estamos ampliando a oferta turística que complementa esa posibilidade que van ter os nosos visitantes de descubrir ese Ribadeo descoñecido e que moitas veces pode pasar desapercibido para a xente que chega a Ribadeo, como pode ser o percorrido polo Ribadeo Indiano e polo casco histórico como é a ruta dos comerciantes”.

A edil nacionalista salientou que “con estas rutas buscamos que o viaxeiro que chegue a Ribadeo non soamente estea de paso, senón que sumando a oferta turística e cultural sexa un atractivo máis para vir pasar non soamente un día. Queremos mostrar ese Ribadeo dos grandes fitos históricos, edificios emblemáticos e afondar tamén na súa arte. Poderemos percorrer a vila e vela a través tamén deses ollos que nos contan parte da nosa historia”.

Martínez cre que “isto é interesante porque a través deste percorrido histórico tamén imos ir vendo o Ribadeo actual, ese Ribadeo comercial e cunha actividade diaria importante. Por exemplo a través do percorrido do Ribadeo Indiano poderemos visitar a praza de abastos, un edificio tamén doado por un indiano, e descubrir esa actividade viva e comercial do que son tamén as rúas San Roque ou Reinante”.

A concelleira de Turismo explicou que “a primeira visita xa se realizou onte e foi un éxito total, cubríronse todas as prazas, e polo que me comentaron a xente saíu encantada. Os interesados en participar nestas visitas, que son de balde, teñen que apuntarse na Oficina de Turismo ou no teléfono 982 128 689. Para percorrer este legado indiano establecemos os martes pola mañá, a partires das once e media diante da Oficina de Turismo, e no que queda de verán serán o 25 de xullo, o 1, 8, 15, 22 e 29 de agosto, e en setembro os días 5 e 12”.

A edil ribadense engadiu que “o segundo percorrido será polo casco histórico do centro de Ribadeo, que está declarado Ben de Interese Cultural, e onde poderemos descubrir esas construcións mesturadas entre o que eran casas ricas de fidalgos e comerciantes que convivían neste barrio de Porcillán con mariñeiros e artesáns. Isto hoxe en día danos unha identidade moi particular e ademais creo que é unha esencia importante do que é o Ribadeo de hoxe. Aquí tamén podemos atoparnos coa Capela da Atalaia, que é do século XII e a máis antiga da vila. Consideramos que o horario debería ser diferente e pola tarde, así polo casco antigo serán os xoves a partires das oito da tarde desde mañá mesmo, día 20, e o 27 de xullo. En agosto os días 3, 10, 17, 24 e 31 de agosto, e en setembro os días 7 e 14. A duración de ambas rutas será aproximadamente dunha hora”.