“Temos que celebrar dende o Concello de Ribadeo, e singularmente dende a área que dirixe o meu compañeiro Vicente Castro, o ben que está indo a nova edición das escolas deportivas municipais, con máis rapaces e rapazas que nunca, batendo un novo récord. Hai preto de 500 nenos e nenas, concretamente 485, o que supón un incremento en 50 con respecto ao número de participantes que houbera na pasada edición nalgunha das múltiples modalidades de deporte base a través das escolas deportivas municipais: atletismo, baile deportivo, fútbol, baloncesto, karate, natación, tenis, … Unha serie de especialidades que, grazas á colaboración activa de clubs locais, estamos facendo de Ribadeo un lugar envexable para todos os rapaces e rapazas do noso concello que queiran. Nun porcentaxe altísimo están especialidades, algunhas con longa traxectoria, como fútbol ou baloncesto, e outras de máis recente incorporación, como tenis de mesa, pádel, ximnasia rítmica ou patinaxe, pero que cada ano teñen máis incorporacións”, explicou o rexedor municipal.

Fernando Suárez engadiu que “énchenos de orgullo que moitos rapaces repiten de anos anteriores, pero tamén este ano se incrementa o número de nenas, para lograr a igualdade absoluta en todo, que é o que estamos impulsando dende o Concello de Ribadeo e singularmente dende á área de Deportes”.

O alcalde ribadense rematou anunciando que “ao longo de toda esta tempada escolar seguiremos actuando a través dos centros educativos con toda a potencia que o momento actual e os recursos económicos permiten; pero temos ganas de sacar cousas adiante e de seguir traballando polo deporte base, que é o que vale e non o que se fai a golpe de talonario, que logo xa se ven como esas cousas acaban en nada. É mellor promover o deporte base para que os nenos e nenas teñan alternativas e para que parte do seu tempo libre o ocupen nestas afeccións deportivas cheas de saúde, de compañeirismo e de relacións sociais positivas”. Durante o presente curso impártense 12 modalidades nas escolas deportivas municipais de Ribadeo: fútbol, fútbol-sala, patinaxe, natación, tenis, baloncesto, ximnasia rítmica, padel, karate, atletismo, tenis de mesa e baile deportivo.

O Concello de Ribadeo recibiu hai un ano o premio Galicia á xestión deportiva 2012 que lle concedeu a Asociación Galega de Xestores Deportivos.