Fernando Suárez dixo que “a falta do reconto exacto no que están traballando na área económica, podemos dicir que os ingresos foron semellantes aos do ano pasado. Isto é algo máis de 20.000 euros, pero debemos dicir que o número de usuarios foi algo maior pois desta volta usáronse moito máis, por parte do público, os vales de compra que o pequeno comercio local asociado foi repartindo entre a xente que facía as compras. Hai que ter en conta que foron emitidos 10.000 vales, de 3 euros cada un, en total o equivalente a 30.000 euros, que se usaron nas bonificacións das entradas. Estes vales foron repartidos e esgotáronse xa hai tempo, de aí que se foran usando moito máis que en anos anteriores”.

Para o alcalde ribadense: “significa isto que se vendeu, que os consumidores volveron confiar en Ribadeo, e que esta iniciativa funcionou, a pesares de que xa leva anos e estas cousas, como todo o mundo sabe, co paso do tempo poden ir perdendo a frescura do principio. Pero hai que ter en conta que esta campaña, que levamos adiante o Concello e máis Acisa, ten un custo importante para ambas as dúas partes. No caso do Concello entre o aluguer da pista de xeo, a contratación do persoal e o consumo eléctrico para conxelar esa cantidade de auga todos eses días, ascende a uns 40.000 euros, dos que se ven recadando en concepto de entradas a metade. Queda pois un déficit duns 20.000 euros pero que nunca debemos considerar iso no aspecto negativo, dado o enorme movemento económico que supón para o comercio local asociado”.

O rexedor considera que “para o vindeiro Nadal, aínda que queda moito tempo, entendemos que Concello e Acisa deberán valorar se esta iniciativa segue así ou si se pode pensar en algo diferente, pero que siga atraendo xente a Ribadeo. En todo caso o que non debe cambiar é o compromiso e a colaboración que mantemos Acisa e máis o Concello, porque é unha garantía de axuda a un sector tan importante para nós e para Ribadeo, como é o sector servizos”.