O concelleiro de Cultura dixo que “a cuarta edición da Feira do Libro de Ribadeo acadou este ano unha cifra de vendas moi próxima aos 10.000 euros. Tras valorar coas diferentes librarías participantes a evolución das tres xornadas da feira, podemos tomar como referencia a cifra redonda de 10.000 euros, habendo librarías que superaron as vendas do ano anterior e outras que se mantiveron con respecto ao ano pasado. No caso de dúas non poden comparar coa edición anterior pois participaron este ano por primeira vez”.

Farruco Graña declarou que “centramos os esforzos en promover o libro local e comarcal dando protagonismo a textos como Aldeas sen voz de Vicente Ansola, Gorka Rete de Montse Fernández, As Covas do Rei Cintolo de Daniel Cortezón reeditado por Edicións Lar de Viveiro, ou autores como Santi Jaureguizar co seu Placebo. Tamén houbo promoción de textos como 22 segundos de Eva Mejuto, O anxo negro de Manuel Gago ou Mulleres bravas da nosa historia”.

O edil nacionalista subliñou: “destacamos especialmente as actividades realizadas en paralelo á propia feira do libro, que son a base fundamental para dinamizar este tipo de actos, e atraer a atención do público e levalo ata o parque de San Francisco. Tanto Lois Pérez como Anxo Moure, as actividades para os pícaros e pícaras, o grupo de danza da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, ou o grupo Ollomao de teatro do veciño concello de Barreiros, deron unha cor especial á cuarta Feira do Libro de Ribadeo”.

Farruco Graña quixo “agradecer a todos a súa participación na mesma, pero sobre todo agradecemos a todas as persoas amantes dos libros e da cultura que se achegaron ata a Feira do Libro de Ribadeo”.