A edil nacionalista sinalou que “un ano máis dende logo a valoración é moi positiva, tanto pola concorrencia de público, e así puidemos ver como estivo este domingo a explanada de diante da praza de abastos, chea de xente, como tamén polas ventas que se efectuaron durante toda a mañá. A concienciación do consumo de proximidade, da calidade destes produtos, da súa importancia na nosa dieta e do apoio da economía local fan destas iniciativas un camiño na recuperación dos valores tradicionais, como ben dixo o convidado desta edición, Antonio Oca. El mesmo salientou a importancia do papel da muller no desenvolvemento rural e no sustento das explotacións agrarias. Deu como dato significativo que hoxe en Galicia xa son máis titulares mulleres que homes”.

Ana Martínez insistiu en que “dende o Concello de Ribadeo queremos seguir apostando polo apoio ao rural, unha posibilidade de futuro na terra, animando tamén á xente nova a formarse e buscar emprendemento dentro dos produtos de horta. Animamos tamén a que algunha industria ou particular busque a posibilidade de transformar estes produtos para poder potenciar a producir e dar saída a excedentes a través de conservas e produtos non perecedoiros”.

A concelleira recalcou que “Ribadeo ten unha terra especialmente fértil, que permite ademais colectar produtos de calidade tan excepcional como o pemento de Piñeira, que como nos contaba onte Antonio Oca ten un adn propio que o diferenza como un pemento de referencia. Non soamente o pemento, tamén outros produtos que onte puidemos ver na Feira como a cebola, a pataca, a faba… Todo iso manifesta a calidade dos produtos da nosa horta”.

Martínez engadiu que “coa Feira pechamos esa temporada oficial dos mercados dos domingos e recordamos que ademais deles durante todo ano os mércores en Ribadeo tamén hai mercado destes produtos que podemos mercar directamente da terra, desta xente, destes produtoras e produtores que seguen todo o ano vendendo o que a terra produce. E tamén xunto con eles podemos gozar de mercar no que é o mercado co resto dos artesáns, embutidos, conservas, queixo, pan, que durante todo o verán acompañaron aos produtores de horta”.

A concelleira de Desenvolvemento Local tivo palabras de agradecemento para “a presenza non so na Feira se non tamén ao longo de todos os domingos do verán que mercou e fixo posible que estes mercados sexan un referente na comarca”.