Segundo explican desde a Concellaría de Desenvolvemento Local “o Mercado de Nadal quere ser un espazo de oportunidades para os profesionais relacionados coa artesanía e co deseño, onde se visibilice o traballo e o talento creativo e innovador dos creadores/as, artistas e artesáns. Nesta edición queremos dar un pulo a novos creadores e emprendementos no eido da artesanía e da creatividade. O noso mercado estará aberto aos artesáns, artistas e creadores nos ámbitos da ilustración, a fotografía, o deseño gráfico, xoguetería, complementos, roupa e deseño doutros produtos en xeral”.

Os participantes no XIII Mercado do Nadal deberán ter máis de 18 anos e poderán ser de calquera nacionalidade residan ou non en España. Os interesados poden atopar máis información así como as bases na web do Concello:
https://www.ribadeo.gal/ Os stands serán casetas independentes que estarán localizadas e distribuídas na rúa San Francisco. O Concello establece un prezo de 100 euros pola participación de cada solicitante e caseta.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 6 de novembro ás 14:00 horas e poderá facerse polo rexistro de entrada do Concello de Ribadeo, correo certificado ou calquera outro medio recollido no artigo 38 da Lei 30/1992.

O XIII Mercado do Nadal abrirá as súas portas o 5 de decembro ás 17 horas. O horario de visita será de 11 a 14 horas polas mañás e de 16 a 21 horas polas tardes. O Mercado do Nadal está organizado pola Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo de Ribadeo co apoio da Área de Turismo da Deputación Provincial de Lugo.