A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, sinalou que “esta feira é o colofón da tempada de horta que se veu celebrando cada domingo durante o verán nas proximidades da praza de abastos de Ribadeo, e non é só unha feira de exaltación dos nosos produtos, senón que se converte nun punto de encontro co local, unha volta ao consumo de proximidade, cos nosos produtos de máxima calidade e de recoñecido prestixio. Buscamos poñer en valor e promover os produtos locais, principalmente vinculados coa nosa horta, e dos que podemos e debemos destacar a súa calidade e frescura”.

A edil nacionalista engadiu que “porque nos gusta o local, así defendemos o seu consumo e dámoslle un valor engadido ao esforzo de tantos e tantas mulleres e homes que coidan  co seu traballo aquela esencia dos sabores e gustos de antaño  proxectados no ritmo de vida actual. Apoiamos  a economía local, consumindo produtos de tempada e fomentamos os modelos de producións sostibles”.

A XI Feira da Horta dará comezo ás 9 da mañá coa apertura dos postos dos produtores. Ás 11 haberá música en directo da man do grupo Fraga das Saímas. Media hora máis tarde, ás 11:30 da mañá, terá lugar un obradoiro para os mais pequenos Mala herba, logo medra, “trátase dun obradoiro destinado a coñecer as herbas perxudiciais para os cultivos da horta, elaborando unha guía persoal, combinando técnicas de debuxo e encadernación de libros”. Ás 12 ofrecerá unha charla o xefe de servizo de Calidade Agroalimentaria da Xunta, José Mouriño Cuba, que estará acompañado polo alcalde ribadense, Fernando Suárez. E ás 21 horas no Cine Teatro O Bordelo porá en escena a obra Fume de carozo.

Durante toda a mañá haberá mostra de oficios e costumes tradicionais como forxa, obradoiro de feltro, tear “e ademais dos produtos da hortas este mercado se complementa con postos de pan, queixo, embutidos, conservas, ostras e artesáns, entre outros”, seguiu a relatar Ana Martínez.
A concelleira de Desenvolvemento Local indicou que “tamén, como cada ano en colaboración con ACISA, haberá unha degustación de produtos da horta en 14 establecementos de hostalería. Esta será de balde para a xente que faga as súas compras na Feira da Horta, xa que recibirán un ticket desconto para poder canxear por unha tapa da degustación. E aquelas persoas que por algún motivo non puideron acudir á feira e para que non queden sen probar os sabores da nosa terra esas tapas venderanse ao prezo dun euro”.

Martínez convida “veciños e visitantes a que se acheguen o domingo a Ribadeo a disfrutar desta décimo primeira edición da Feira da Horta e así apoiar e reivindicar que Ribadeo e A Mariña contan con produtos de calidade sen necesidade de mercar fora”.