O edil nacionalista explicou que “o Concello de Ribadeo ven de adxudicar un contrato de servizos tras o remate do que tiñamos contraído coa anterior empresa que era Urbaser, coa que quedamos agradecidos dos seus servizos prestados ao concello nestes anos tan importantes. Agora ven outra etapa nova con outra nova empresa que é Grupo Soil”.

Jorge Díaz sinalou que “este contrato leva cousas diferentes e implica outro tipo de necesidades noutros tempos. Creo que vai supoñer unha mellora para todos os veciños e veciñas de Ribadeo. Este contrato inclúe a recollida de cartón, que son os colectores azuis, a dos envases lixeiros do colector amarelo, leva o punto limpo e tamén a recollida porta a porta do cartón”. O concelleiro de Limpeza Viaria e Xestión de Residuos lembrou que a recollida do cartón dos colectores azuis realízase dúas veces á semana, os luns e os xoves, e a recollida porta a porta, segue tamén como ata o de agora e farase dos martes e os xoves.

Díaz Freije detallou que “tanto os períodos de recollida como a carencia de seguimento destes distintos servizos serán como se viñan facendo ata o de agora. Ademais xa iniciamos o ano e creo que non se nota o cambio de empresa ou sexa que creo que iso é en principio bo sinal. A duración deste contrato é de catro anos máis dous”.

O edil ribadense indicou que “non hai ningunha variación, o punto limpo segue a ter o seu horario normal e segue a ser gratuíto. Unha das pequenas mudanzas que hai neste contrato é que non vai o vertedoiro de escombros. É un motivo bastante xustificable porque a día de hoxe non estaba a ter apenas uso, e decidimos non metelo no prego. Pasa a mans directas do Concello e entón o mantemento vai a cargo do Concello. Sería un cambio moi asumible e insignificante para as arcas municipais nestes momentos”.

Jorge Díaz engadiu que “esta empresa, o Grupo Soil, vai ser un pouco asesora en certos temas, imos tela aí de man en cuestións sobre residuos ou cuestións moi puntuais. É outra opinión máis que teremos en conta cando haxa algún proxecto ou algunha cousa para dinamizar Ribadeo, apoiar a convivencia cidadá ou o que sexa necesario. Creo que vai haber unha ampla colaboración”.

O concelleiro de Limpeza Viaria e Xestión de Residuos manifestou que “agora toca traballar a reo outra vez. É un contrato novo, vai haber ideas novas, motivacións novas, e creo que isto é un impulso máis. Empezar así o ano cun impulso deste calibre fai que un colla folgos para o ano que temos por diante”.