O rexedor ve “con moita mágoa vemos como estes representantes do PP de Ribadeo no Concello seguen tratando á xente deste municipio. Todo o que están dicindo nestes días de que se o alcalde pretende que a residencia non sexa pública, que renunciou a que fose pública e agora quere que sexa privada, son unhas mentiras de tal envergadura que calquera persoa que poida ler, vindo de quen vén, todo o que están dicindo chama a atención”.

Fernando Suárez dixo que “primeiro: o alcalde aquí non decide nada; os que decidimos absolutamente todo somos os compañeiros e compañeiras da comisión da residencia, que está formada por todos os partidos políticos agás o PP, que desde este mandato municipal que arrancou hai uns meses decidiron descolgarse porque os seus compañeiros anteriores si estaban; e seguimos o resto dos representantes das formacións políticas do Concello así como das asociacións de veciños de Ribadeo. E en todos estes asuntos sempre arrinconamos as cuestións políticas que puideramos ter e falamos de como resolver o que se lle negou a Ribadeo durante decenios, que foi que tivera unha nova residencia para maiores. Desde logo parece mentira que agora sexa o PP quen defende a forma de xestión pública, cando son eles os que privatizan e os que externalizaron absolutamente todo o que tiñan a tiro”.

Para o alcalde “todos estes enredos que está facendo o PP local, co apoio do PP da Xunta, pretenden lavar a cara, xa que non colaboraron nin colaboran un ápice na construción da residencia e quixeron por todos os medios que non se chegara a facer. Como non o puideron evitar agora van co plan B: enredan canto poden para sementar cousas malas sobre a futura xestión”.

Suárez Barcia subliñou que “o importante é que os responsables políticos dos veciños, non só do goberno senón de toda a corporación, agás o PP porque non quere estar, queremos que a xestión sexa pública, a través dalgunha das diferentes formas que establece a lexislación vixente e queremos que sexa fundamentalmente para as persoas de Ribadeo e a prezos asumibles para a xente deste municipio”.

E engadiu: “e o resto é aquilo de difama que algo queda, que é o que está facendo o PP de Ribadeo. Pero que sigan por ese camiño, pois xa tiveron moi bo resultado non hai moitos meses e vailles seguir dando moi bos resultados. Que sigan así”.