O edil nacionalista sinalou que “se trata de facer varias excursións polo noso concello para observar o patrimonio natural con ollos de xeólogo. Ver que realmente contamos cun medio natural que sen axuda non seríamos capaces de interpretalo, pero que si se nos explica incluso seríamos capaces de defendelo”. Cupeiro tivo palabras de agradecemento para a Sociedad Geológica de España “por pensar en Ribadeo para facer esta actividade, xa que foi elixida na provincia de Lugo. Tamén lle queremos agradecer á Fundación Española para La Ciencia y La Tecnología polo financiamento”.

O concelleiro de Medio Ambiente subliñou que “desde o Concello estamos a dar pasos para a declaración da nosa costa como xeoparque con ánimo dun desenvolvemento sostible ao ser esta unha zona moi sensible ás actuacións irresponsables da sociedade. Facemos moitos esforzos e ás veces non nos vemos suficientemente acompañados polas institucións, porque sempre nos din que está moi protexida esa zona e iso non é certo. Si sabemos que hai un sistema de protección maior como sería o caso dun parque natural debemos defendelo”.

Cupeiro advierte de que “si toda esa zona se masifica o que facemos é destruír algo que ten un grande valor. Para que sexa sostible hai que facer un control da poboación visitante, dicirlle e marcarlle ata onde pode chegar, por onde non pode pasar e porque si pasa por algúns lugares estes se degradarán. Na praia das Catedrais hai un hábitat prioritario que son os brezos e o ulex (toxo) que se debe protexer, hai que poñer información para que o turismo non degrade toda esa zona e toda esa vexetación”.

Pola súa banda, Francisco Canosa dixo que “o Xeolodía é unha actividade que promove potenciar o coñecemento da sociedade do que representa a xeoloxía e a defensa do patrimonio xeolóxico. En Ribadeo faremos un percorrido en dúas quendas, unha pola mañá e outra pola tarde, dado que agardamos unha grande participación da xente. Veremos distintos puntos salientables nos que se dará unha pequena explicación, animada con láminas ilustradas, de tal xeito que a xente poida ter unha idea previa do que é a xeoloxía da zona”. Canosa engadiu que “tamén lles facilitaremos unha guía xeolóxica para que a xente despois asimile na súa casa aqueles conceptos que poidan ser un pouco máis complexos”.

O xeólogo Francisco Canosa indicou que “a defensa do patrimonio xeolóxico é unha parte fundamental do Xeolodía porque elementos coma a praia das Catedrais a protección que presenta nestes momentos non é suficiente para preservala do turismo tan intenso que está a sufrir nos últimos anos. A idea é esa: que non se quede só nun percorrido xeolóxico, senón que as institucións se poñan de acordo e pensen que é unha xoia que debemos coidar no futuro, porque unha vez que a perdamos será irrecuperable”.

E a técnica de Turismo de Ribadeo, Begoña García, subliñou que “esta actividade está a ser un éxito. Sorprendeunos a todos un pouquiño, tivemos que presentala na páxina da Sociedad Geológica de España e só con iso recibimos un montón de correos e de chamadas de diferentes partes de Galicia e de Asturias para acompañarnos e facer a visita con nós. É unha iniciativa que esperta interese e que nos mostrará que a praia das Catedrais e a nosa costa é un lugar fermoso, pero que ademais é un lugar desde o punto de vista xeolóxico e xeomorfolóxico espectacular que debemos preservar e ter en conta”.

A visita á costa de Ribadeo neste Xeolodía, que terá lugar o 10 de maio, terá seis paradas, con saída desde Piñeira ata As Catedrais pasando polas cetáreas de Rinlo. A inscrición estará aberta ata o 8 de maio e poderá realizarse por teléfono chamando ao 982 128 689 ou na seguinte dirección de correo electrónico: canosa@geol.uniovi.es