Fernando Suárez lembrou que “hai un ano e catro meses, cando accedín á alcaldía, dixen que un dos piares básicos do noso goberno ía ser fomentar os servizos sociais e neste sentido estamos dando pasos importantes”.
O servizo de axuda a domicilio contaba no ano 2006 con 5 auxiliares para dar atención a 50 persoas cunha media de 2 a 3 horas á semana. No 2007, e co apoio da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, “que nos axuda desde o punto de vista económico”, segundo manifestou Suárez, o Concello pasou a ter 8 auxiliares e 72 usuarios que recibían unha media de atención de 5 horas semanais, ao que agora hai que engadir que “no 2008 agardamos rematar con 10 ou 11 auxiliares contratadas para complementar unha inversión por parte da Xunta de 81.000 euros”.
Suárez comentou que “hai máis dun ano que este servizo recibía unha dotación de 19.000 euros e agora pasamos a 81.000, trátase polo tanto dun salto cuantitativo importante pero tamén cualitativo porque se duplicou o persoal e damos máis e mellores servizos con máis horas de atención nas súas casas para os usuarios e usuarias que se benefician deste programa”.
Xantar sobre rodas
O servizo ‘Xantar sobre rodas’, que foi obxecto dunha experiencia piloto hai uns meses sufragada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e que tivo moi boa acollida, vén de implantarse hai quince días no Concello, onde está a funcionar con vocación de continuidade. A día de hoxe, segundo informou Fernando Suárez, “temos 40 usuarios grazas ao apoio dos 36.000 euros que recibimos da Xunta”. O alcalde explicou que “o custo diario do menú que reciben nas súas casas os usuarios e usuarias deste servizo é de 7 euros, aínda que como media pagan 4 euros por día”. “Hai xente que polos seus recursos paga máis de 4 euros, pero tamén os hai que pagan moito menos” explicou Fernando Suárez.
O rexedor dixo tamén que “con todo isto queremos evidenciar un incremento tanto no número de usuarios como na calidade dos servizos prestados, un obxectivo fundamental dos servizos sociais no que nos empeñamos para que a xente maior poida vivir o maior tempo da súa vida no seu medio habitual, algo para o que temos que facilitarlles medios a eles e ás súas familias”.