Fernando Suárez anunciou esta mañá que “esta noitiña, aí camiño das oito e media, procederemos a acender o alumeado de Nadal, un alumeado bonito e que segue na estela destes últimos anos, intentando chegar ao maior número de sitios posibles das rúas urbanas de Ribadeo. Ao mesmo tempo, dicir que é un alumeado nun momento complicado para todos, para os comerciantes, para os cidadás que non son comerciantes, para os de Ribadeo e para os de fora de Ribadeo, porque estamos diante dun Nadal moi distinto a todos os anteriores desde hai moitísimos anos. Pero con todo, temos que sobrepoñernos, temos que seguir actuando o mellor posible, como estamos facendo as xentes de Ribadeo e as xentes que veñen tamén a Ribadeo”.

O alcalde subliñou que “temos iniciativas moi potentes que están funcionando realmente ben e que se están vendo noutros sitios como algo moi positivo, como esta moeda local, as nosas panchas, que iniciamos outra vez unha extensión durante todo o Nadal para que a xente poida mercar, poida apoiar ao comercio local, e ademais de apoiar ao comercio local poidan comprar moito máis económico. Non fai falta ir a estas plataformas de internet, como Amazon, etc…, para poder ter o mellor, non fai falta saír de Ribadeo para poder ter o mellor”.

Suárez Barcia agarda que “se seguemos facendo todo ben, dentro de pouco se poidan restablecer as comunicacións coa nosa veciña Asturias, da outra banda da ría, e tamén poidan vir comprar aquí e que Ribadeo poida seguir sendo ese centro de atención comarcal que o foi sempre. Polo tanto, confiemos en que este alumeado que desde o Concello de Ribadeo poñemos a andar durante estas navidades, principiando hoxe, sexa un símbolo e un signo de alegría, de esperanza, de ilusión e de que, desde logo, nunca choveu que non parara e que ha escampar, si ou si”.