O rexedor municipal destacou que “xa empeza a ser un clásico que a principios de decembro para toda unha gran comarca galega e asturiana haxa unha cita, un reclamo turístico, lúdico e festivo en Ribadeo como é o Mercado do Nadal, que este ano chega á súa décima edición, concretamente para a semana que ven, do día 5 ao 9 de decembro”.

Fernando Suárez explicou que “desde o Concello de Ribadeo, pero sempre buscando o apoio e axuda doutras entidades públicas e privadas tamén, queremos facer un Mercado do Nadal bonito, dinámico, diferente ao destes últimos anos, sempre coa idea de intentar mellorar aínda a risco de podernos equivocar. Primeiramente é moi importante destacar quen nos apoia: a Deputación de Lugo, concretamente desde a Área de Turismo da Vicepresidencia e desde o Centro de Artesanía e Deseño de Lugo, con diñeiro e con diferentes obradoiros. E tamén desde o Concello de Ribadeo quixemos buscar empatías con outras entidades do municipio, asociacións como Amigos da Madeira, Amigos da Gaita, o colectivo Sonda Norte, con Acisa tamén, porque como cada vez temos menos diñeiro tódalas administracións e trátase de intentar poñer en valor o pouco que vamos tendo entre todos, conxugalo e compatibilizalo para que os eventos non perdan cor, nin moito menos, e sigan sendo un reclamo importante”.

Ademais o alcalde aclarou que “estes eventos non están pensados, honestamente, para que vendan moito os artesáns que veñan aquí; gústanos que vendan moito e que repitan, pero isto facémolo para que a xente veña a Ribadeo e para que disfruten do comercio, dos restaurantes, dos bares. Con esta idea, aínda que nestes últimos anos se fixo nunha carpa, decidimos en colaboración e en sintonía absoluta coa asociación de comerciantes de Ribadeo distribuír este mercado por diferentes rúas do casco vello. Iso pode ter problemas, sobre todo si fai mal tempo, pero eu creo que contribuiremos a integrar un pouquiño máis ao comercio local con estes practicamente 30 artesáns, que teñen unha singularidade única, a diferenza doutros mercados da comarca: todos e cada un dos artesáns tanto sexa de xoiería, como de cerámica, de doces, de embutidos, de queixos, etcétera, teñen un elemento común, que é que todo esta feito a man e que todos eles teñen certificado de artesanía e non hai compra venta nin é como noutro tipo de mercados que hai noutros concellos. Aquí o que queremos destacar é que todos son artesáns, sempre foi así nos últimos anos e quixémolo seguir mantendo, a pesar de que ás veces hai lexítimas presións para intentar meter outro tipo de negocio, outro tipo de produto”.

En canto ás actividades o rexedor local explicou que “pretendemos que a xente veña a comprar todos estes produtos artesáns e tamén perseguimos dar unha serie de obradoiros, talleres, exposicións de arte, música para que a xente todos e cada un dos días do mercado, do mércores pola tarde ata o domingo á noitiña, teña sempre algo diferente que ver, ben sexa nos propios stands que se van poñer polas rúas Rodríguez Murias, Ramón González e Reinante, como tamén nunha carpa que montaremos no parque de San Francisco e nos diferentes eventos que haberá polas rúas”. E engadiu “por exemplo o Centro de Artesanía e Deseño de Lugo organizará dúas mostras de artesanía en vivo e un obradoiro de xoiería e reciclaxe, a Asociación de Amigos da Madeira de Ribadeo colaborará coa organización e desenvolvemento dunha exposición de torneiros considerada como unha das mellores do país, a asociación Amigos da Gaita colaborará na organización dun obradoiro de baile tradicional e tamén se fará a primeira mostra folclórica do traxe tradicional galego de Ribadeo, a empresa Chocolates Moreno exporá os seus produtos para despois realizar unha chocolatada para todos, o grupo musical Illa Pancha vainos deleitar cun pasacalles musical na tarde do mércores, a empresa local PC Coste levará a cabo unha mostra tecnolóxica e o colectivo Sonda Norte terá un espazo especial neste evento, un espazo creativo local onde se van expoñer unha serie de capacidades creativas dos mozos e mozas de Ribadeo e colaboran cun bo número de actividades”.

Por todo isto Fernando Suárez convida a asistir ao Mercado do Nadal “a todos nosos veciños e veciñas de Ribadeo, pero tamén aos da Mariña e do Occidente asturiano, así como a todos aqueles que van vir nesta ponte, na que sen dúbida haberá xente de Madrid, de Asturias, do País Vasco, que van ter un reclamo en Ribadeo”.

O rexedor municipal tamén destacou que “outros anos o alumeado do Nadal poñíase un pouco máis adiante, pero este ano mantendo un criterio dunha restrición orzamentaria importante, non gastamos máis que o ano pasado pero fixemos unha colaboración moi boa coa asociación de comerciantes de Ribadeo e vamos a medias, repartimos o custo, que non é moi elevado, pero intentamos facelo doutra maneira este ano. Non vai chegar a tódolos recunchos da vila, pero intentamos espallalo o máximo posible e acenderase o alumeado do Nadal precisamente co inicio desta décima edición do Mercado do Nadal de Ribadeo”.

E o alcalde rematou a súa intervención salientando que “desde logo todo isto que eu estou presentando aquí non sería posible sen a intervención desde hai moitas semanas da concelleira de Turismo e Desenvolvemento Local, Ana Martínez, para intentar buscar novas ofertas que vaian enriquecendo o mercado, cambiando os artesáns aínda que moitos deles queren repetir e nós estamos moi orgullosos diso, pero queremos tamén dar novidades, novas actividades e produtos de venta para que a xente siga vindo a Ribadeo e que non chegue a ser algo ordinario que se repite ano tras ano”.