O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explicou que “Víveo Máis é un proxecto colaborativo entre o Concello de Ribadeo e os establecementos de restauración e hostaleira ribadenses. Nace co propósito de ser unha guía sobre a que avanzar no compromiso da sostibilidade turística en Ribadeo. Presentámonos coma un proxecto piloto, aínda que con vocación de permanencia, onde construír de forma colaborativa unha plataforma no que ir desenvolvendo accións que sitúen tanto a Ribadeo coma aos seus participantes como abandeirados no compromiso da sostibilidade”.

Pablo Vizoso especificou que o programa Víveo Máis “estruturase en carto retos clave que son globais e que o turismo sostible ten que encarar tanto en aspectos sociais como ambientais: desenvolvemento do territorio; recursos naturais e biodiversidade; cambio climático; e economía circular. Dentro de cada un deles incluiranse á súa vez medidas e criterios que abondarán na mellora do reto. Haberá criterios diferenciados, en parte, para hostalaría e para a restauración”. 

O edil ribadense engadiu que “nesta primeira etapa de pilotaxe as persoas que desexen participar deberán cumprir como mínimo 5 medidas de obrigado cumprimento e tamén como mínimo outras 12 das 35 que hai en total. Algunha das medidas de obrigado cumprimento será ofrecer na carta produtos de proximidade, ofrecer produtos de tempada así como implantar medidas de sensibilización sobre o consumo responsable, coma o feito de animar a levar os alimentos non consumidos ou asesorar sobre o tamaño das racións. Outras medidas, de entre as que poderán escoller as persoas participantes, son a utilización de envases reutilizables ou biodegrables e a priorización de provedores locais nas súas compras. Os hoteis terán medidas como ofrecer no chek-in unha experiencia de menor impacto  e na que poderán incluír cuestións como almorzos con produto local, sen plástico, ofrecer artigos de aluguer, etcétera”. 

Pablo Vizoso destaca que se trata dun programa “que nos axudará a ir mellorando cada ano e que, contando cunha implicación da comunidade local, tentarase lograr que o turismo sexa unha actividade enriquecedora tanto para as persoas visitantes como para a nosa contorna. Outros dos obxectivos que se perseguen co programa son: a sensibilización sobre o impacto e as oportunidades do turismo sostible; a posta en valor dos negocios comprometidos con este programa e o enfoque da actividade turística; o impulso aos negocios locais na adopción de medidas máis sostibles; a creación dunha rede entre os negocios turísticos con outros sectores, como o agroalimentario ou incluso a administración local; situar a Ribadeo como un destino sostible, é dicir, de alta calidade, innovador, rexenerativo e consciente”.

As persoas que desexen obter máis información pódense poñer en contacto coa Área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo.