A Concellaría de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres poñen en marcha os Domingos a pé para o outono. Segundo lembra a concelleira Mariluz Álvarez Lastra “trátase dunha actividade anual dirixida ás mulleres adultas, co fin de promover un tempo para elas mesmas, un tempo de ocio, un tempo illadas das obrigas familiares, laborais… un tempo para rachar con esa dobre ou tripla xornada laboral. Ademais, de poder gozar dese tempo para elas, poderán coñecer lugares do seu entorno inmediato, e facer un pouco de exercicio físico”.

A edil nacionalista explicou que “desta volta desprazarémonos ata Trabada para coñecer as súas fragas. Viaxaremos ata alí en autobús, para logo realizar a ruta nese concello, e volveremos no mesmo medio. Esta ruta, será o día 13 de outubro. Sairase ás 11 da mañá desde o Parque de San Francisco e regresaremos arredor das 17:30 horas”. Álvarez Lastra engadiu que “como ven sendo habitual, contaremos coa colaboración de Teresa Díaz, para guiarnos nas rutas. Teresa é membro da directiva da Asociación Pena Tallada, e ten investigado todas as rutas da nosa contorna, que podedes atopar no seu blogue: http://teresaderibadeo.blogaliza.org“.

As mulleres interesadas en participar nesta nova ruta dos Domingos a pé deben anotarse no Centro de Información ás Mulleres, sito no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, chamando ao teléfono 982 120 739 ou ben enviando  un correo electrónico ao enderezo cim@ribadeo.org. Luisa González, a responsable do CIM, indica que “aínda que normalmente non é preciso anotarse porque imos en tren, nesta ocasión pregaríamos que se fixese xa que ao ir en autobús hai que coñecer con antelación o número de persoas que van participar nos Domingos a pé“.