Desde a Concellaría de Igualdade e desde o CIM explican que “os Domingos a pé son unha actividade anual dirixida ás mulleres adultas, co fin de promover un tempo para elas mesmas, un tempo de ocio, un tempo illadas das obrigas familiares, laborais… un tempo para rachar con esa dobre ou tripla xornada laboral. Ademais, de poder gozar dese tempo para elas, poderán coñecer lugares do seu entorno inmediato, e facer un pouco de exercicio físico”.

E engaden que “desta volta desprazarémonos desde Rinlo a Ribadeo. Consiste en ir no tren a Rinlo e volver pola senda costeira camiñando a Ribadeo 13 quilómetros. Sairase ás 11:30 horas  da estación de tren de FEVE e regresaremos arredor das 16.30/17.00 horas. Como ven sendo habitual, contaremos coa colaboración de Teresa Díaz, para guiarnos nas rutas. Teresa é membra da Directiva da Asociación Pena Tallada, e ten investigado todas as rutas da nosa contorna, que podedes atopar no seu blogue: http://teresaderibadeo.blogaliza.org“.

As mulleres interesadas en participar na ruta deben anotarse no Centro de Información ás Mulleres, sito no Auditorio Municipal Hernán Naval, chamando ao teléfono 982 120 739/ 982 120 808  ou ben enviando  un correo electrónico ao enderezo cim@ribadeo.org. Deberán de levar calzado cómodo, auga, comida e paraugas ou chubasqueiro por si chovese algo.

Prestación por maternidade
Ademais desde a Concellería de Igualdade subliñase que  “no Centro de Información ás Mulleres (CIM) pódese prestar información e axudar a tramitar a solicitude de devolución das retencións do IRPF durante a prestación por maternidade. O Tribunal Supremo (en sentencia do 3 de outubro) ven de confirmar que as prestacións públicas por maternidade percibidas da Seguridade Social están exentas do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas.  A resolución establece doutrina legal e, polo tanto, obriga á Axencia Tributaria a adoptar o novo criterio (contrario ao que viña facendo). En principio, este cambio só afectará aos pagos dos últimos catro anos, (desde o 2014 en adiante), xa que ese é o prazo de prescrición, agás cando este prazo quedara en suspenso”.

E engaden que “desde o CIM informaráselles a quen deben reclamar (Axencia tributaria  no caso de prestacións cobradas nos anos 2014-2017) e Seguridade Social no caso de que fora neste exercicio actual (2018) e o procedemento a seguir, aínda que se estima que a Axencia Tributaria poda establecer nos vindeiros meses un procedemento telemático para dita reclamación. O horario de atención a público para este tipo de cuestións será desde ás 9.00 ata ás 14.00 horas os martes, mércores e xoves e previa cita que poden concertar chamando ao 982 120 808 ou por correo electrónico en cim@ribadeo.org“.