O bus praia, iniciativa do Concello e da empresa Eocar, leva en marcha xa varios veráns e, como explica a concelleira de Turismo de Ribadeo, Ana Martínez, “este repite grazas á súa boa acollida tanto por parte dos usuarios propiamente ditos das praias como pola xente que emprega este medio para achegarse a visitar As Catedrais. Ademais, o seu uso evitará aglomeracións provocadas tanto polos coches como polos problemas de aparcadoiro”.

O bo resultado dos horarios, paradas e prezo fai que se manteñan igual que o pasado ano e, segundo indica a edil nacionalista, “circulará diariamente dende xullo a agosto e a primeira quincena de setembro cun itinerario que sairá da oficina de turismo, pasando pola rúa Virxe do Camiño, a estación de autobuses, praia dos Castros-Illlas, praia de Esteiro e praia das Catedrais. Os horarios de saída dende a oficina de turismo serán ás 11:00, ás 15:15 e ás 17:45 horas, con volta dende a praia das Catedrais ás 13:30, ás 17:00 e ás 20:00 horas”. Como o ano anterior, o billete de ida e volta custará catro euros para os adultos e a metade para os nenos. Pero para os asiduos tamén se mantén o bono a prezos reducidos, haberá un bono 10 viaxes por 20 euros.

A diferenza do bus praia, o bus turístico arrancou a súa andadura o ano pasado, pero o seu éxito fixo que, segundo conta a concelleira de Turismo, “ese percorrido histórico e medioambiental que nos leva polos arredores chegando incluso ata Rinlo, volva este verán ás rúas ribadenses con algunha pequena modificación atendendo á propia experiencia do ano pasado e permitindo así ós visitantes percorrer Ribadeo e os lugares máis próximos”.

O bus turístico, como sinala Ana Martínez, “conta cun guía e visita os lugares máis representativos e máis emblemáticos de Ribadeo, como son a baixada polo porto, o Cargadoiro, o Faro de Illa Pancha, a costa de Ribadeo cunha parada en Rinlo e, de volta, ensina as rúas máis emblemáticas da zona indiana, finalizando o percorrido no punto de partida, a oficina de turismo”.

A novidade para este 2013 radica no horario: “sairá da oficina de turismo ás 11:45 da mañá durante os fins de semana no mes de xullo e diariamente do 1 ao 18 de agosto, voltando na segunda quincena ás fins de semana, 24, 25 e 31 de agosto”. Pero non é o único cambio xa que a redución de percorrido respecto ao ano pasado provoca tamén a redución do prezo. Así, aclara a concelleira de Turismo, “a duración da ruta será dunha hora e quince minutos aproximadamente e o prezo por persoa adulta será de 6 euros e para os nenos de ata 12 anos, de tres euros”.

Ana Martínez engade que “toda esta información pode xa recollerse na oficina de turismo e que o Concello de Ribadeo, con esta iniciativa, busca pór á disposición dos visitantes os medios máis atractivos para que poidan percorrer e disfrutar da vila e da súa historia e así convertela nun permanente atractivo turístico”.