Segundo lembra a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, “os Domingos a pé é unha actividade anual que se ven realizando todas as primaveras, pero diante das demandas das mulleres voltamos a ofertala para este outono. Dúas rutas de senderismo hai previstas, unha ao concello asturiano de Castropol o vindeiro 23 de outubro, e outra a San Cibrao (Cervo),  o día 6 de novembro”.

Os Domingos a pé son unas rutas dirixidas ás mulleres adultas, co fin de promover un tempo para elas mesmas, un tempo de ocio, un tempo ailladas das obrigas familiares, laborais… un tempo para rachar con esa dobre ou triple xornada laboral. Ademais, de poder desfrutar dese tempo para elas, poderán coñecer lugares do seu entorno inmediato, e facer un pouco de exercizo físico.

A edil nacionalista engadiu que “como ven sendo habitual, contaremos coa colaboración de Teresa Díaz, para guiarnos nas rutas. Teresa é membra da Directiva da Asociación Pena Tallada, e ten investigado todas as rutas da nosa contorna, que podedes atopar no seu blogue: http://teresaderibadeo.blogaliza.org”.

Lastra explicou que “desta volta o percorrido elixido para a ruta vai cara o Occidente asturiano, hacia Castropol. Achegarémonos en tren ata alí, para logo realizar unha ruta nese concello, e voltaremos en barca. Esta ruta, será o día 23 de outubro. Sairáse ás 11:00 da mañá desde a Estación de Feve, e regresaremos arredor das 17:30 horas”. As mulleres interesadas en participar na ruta deben anotarse no Centro de Información ás Mulleres sito no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, chamando ao teléfono 982.120.739 ou ben enviando  un correo electrónico ao enderezo cim@ribadeo.org.