O rexedor dixo que “para esta quinta etapa da volta ciclista, entre Viveiro e Lugo, que vai pasar tamén por Ribadeo, desde o Concello quixemos que o fixera polo centro da vila. E iso se cadra é importante, é moi vistoso, pero vai traer tamén unha serie de restricións no tráfico e no acceso ás rúas principais, dado que o pelotón entra pola avenida da Ría de Ribadeo e logo vai por toda a travesía (avenida de Galicia, de Asturias, etcétera), polo que desde as 13:30 horas ata as 15:30 vai haber unhas limitacións ao tráfico nesas rúas e nos accesos a elas”.

Suárez Barcia subliñou que “como é mércores tamén hai o mercado semanal, que se vai celebrar con normalidade porque non sería axeitado cancelalo para que pasara a volta ciclista. Intentamos conciliar as dúas cuestións e para iso vai haber un condicionante, que é que ata as 13:45 horas os vehículos dos vendedores ambulantes poderán saír con normalidade pero a partir desa hora, se non o teñen feito antes, terán que agardar ao final do paso da proba por Ribadeo, que se prevé sobre as 15:15 ou 15:30 horas”.

O alcalde ribadense engadiu que “por seguridade a Policía Local redobra o seus efectivos, incluso coa xente que non está de garda neses días; temos unha serie de valos, que pedimos a outras institucións, para que nos axudaran a garantir a seguridade; e tamén vai haber membros da Garda Civil de Tráfico, que van estar por toda a travesía vixiando para que sexa un día de festa e que non pase nada”.