O alcalde, Fernando Suárez, contou que “no día de hoxe, aquí no salón de plenos, por parte de responsables do IGVS e do Concello fixemos entrega da documentación ás dúas persoas que resultaron adxudicatarias de dúas vivendas en réxime de aluguer, a través dun inmoble adquirido hai varios anos pola Xunta no casco vello de Ribadeo, para destinala a persoas menores de 30 anos”. Suárez Barcia sinalou que “os adxudicatarios, elexidos por sorteo ante notario, hoxe despois de cubrir diversa documentación puideron xa ter as chaves destas vivendas”.

O rexedor engadiu que “tamén esta mañá unha terceira persoa adquiriu unha vivenda en propiedade, que quedara vacante nesta última remesa de 30 vivendas que se adxudicaron na vía Transversal hai unhas semanas. Esa vivenda quedou vacante porque a adxudicataria tivo que renunciar a ela, entón corréuse a lista e a primeira persoa en lista de espera é a afortunada que puido facerse con esta vivenda en réxime de propiedade”.

Para Fernando Suárez trátase “de iniciativas boas as de rehabilitar vivendas no casco vello para alugarllas á xente moza, porque así se contribúe a facilitarlle unha vivenda a quen a necesita e porque contribuimos a mellorar o casco histórico de Ribadeo”. O alcalde ribadense dixo que “agora entre Concello e IGVS teremos que seguir traballando para facer novas remesas de vivendas sociais, pero para facelo deberemos ter aprobado canto antes o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Niso é  no que toda a Corporación está a traballar para sacalo adiante canto antes”.