A edil nacionalista sinalou que “Ribadeo segue a ser, e cada ano máis, un destino atractivo para moitas persoas que elixen pasar as súas vacacións ou parte delas no noso concello e mesmo na comarca da Mariña. Un reflexo claro son as máis de 1.500 persoas que pasaron a pedir información pola oficina de turismo de Ribadeo nos nove primeiros días do mes de xullo, incluso houbo xornadas nas que pasaron por estas instalacións en busca de información unhas 400 persoas”.

Ana Martínez indicou que “a estes datos hai que engadir o fenómeno que supón a praia das Catedrais cun fluxo de visitantes durante estes días de 500 persoas por xornada, dato que se triplica durante as fins de semana. Durante estes primeiros días do mes de xullo foron máis de 6.000 os visitantes que pasaron por este areal”. Para a concelleira de Turismo “a pena é que o aproveitamento turístico e económico non se vexa reflectido nos negocios para que puideran incrementar as súas vendas, por este número de persoas tan importante que chega á praia e que moitas veces marcha sen achegarse cara a nosa vila ou cara pobos e parroquias como Rinlo, A Devesa ou o concello no seu conxunto”.

Desde o Concello “seguimos a pedir de cantas administracións teñan competencias un verdadeiro plan que ordene este fluxo de visitantes, con ese aproveitamento e riqueza que suporía non só para Ribadeo, senón para a toda a comarca da Mariña. Aproveitamento que se tería que facer preservando sempre o que é o coidado medio ambiental e de conservación dun espazo único en Galicia e mesmo no mundo”.

Martínez explicou que “o Concello con ACISA busca estratexias que deriven cara os nosos comerciantes, hostaleiros, cara o que é o sector turístico dun xeito positivo. De aí que o ano pasado nacese a credencial do viaxeiro con máis de 2.000 expedidas a día de hoxe. E este ano se lle vai sumar unha nova iniciativa que é a tarxeta do viaxeiro, que en breve se presentará xunto con ACISA”. A responsable de Desenvolvemento Local e Turismo pensa que “o fenómeno da praia das Catedrais está aí e non se está a tratar coa xustiza que merece”.