Suárez Barcia explicou que “estamos aquí co vicepresidente primeiro da Deputación, con Antón Veiga, representante desta institución que é a que verdadeiramente a día de hoxe e nos últimos anos nos está apoiando no proxecto que queremos para a praia das Catedrais. Estanos axudando economicamente en materia de informadores turísticos; hai que ter en conta que este punto de información turística debe de ser dos que máis visitas atende no conxunto do país: poucos poden atender 1.500 persoas nun día, como se deu recentemente aquí nun período intermareal. É unha cifra que revela a cantidade de xente que sigue vindo, cada ano máis, á praia das Catedrais”. O alcalde ribadense subliñou que “nestes días que van de agosto máis de 200.000 persoas baixaron ao areal e atendendo ás propias informadoras turísticas do resume que teñen da xente que a visita todo o mundo di que é moi bonito, que é un paraxe a protexer, pero que se está masificando e convidan ás administracións a que se poñan de acordo dunha vez, porque nós xa estamos, para facer actuacións que permitan seguir conservando este patrimonio, seguir proxectándoo turisticamente, pero que non se estea degradando, como moitas veces parece que está a ocorrer”.

O rexedor engadiu: “de aí a nosa proposición, a do Concello de Ribadeo e a da Deputación de Lugo, de converter toda esta zona nun parque natural, que dende logo traería moitas máis posibilidades dende o punto de vista turístico, medioambiental e económico; moito máis que con estas simples declaracións e con estas actitudes paseniñas por parte da Xunta, que se valoran positivamente pero que se ven ínfimas para a realidade material de xente que visita este areal sistematicamente, moito máis agora, na época do verán, pero tamén durante o resto do ano”.

O vicepresidente da Deputación lembrou a achega de máis de 60.000 euros que fai esta institución para o mantemento de información turística que hai nas Catedrais, atendido por 6 persoas. Antonio Veiga afirmou que as medidas postas en marcha este verán pola Xunta ante o problema de conxestión e masificación do areal son insuficientes: “é como loitar contra o évola con tiritas”.