O rexedor dixo que “dende o Concello de Ribadeo estamos moi satisfeitos por como se foi facendo esta obra e como foi evolucionando. Queremos agradecer o compromiso da Xunta que nos apoia cunha cantidade importante. E tamén temos que ter en conta que se trata dun edificio moi grande e moi frecuentado por moitos clientes. Por iso debemos recordar que tivemos que facer unha estratexia de rehabilitación complexa. Primeiro tivemos que pedirlle aos praceiros que desaloxasen a praza durante un tempo, eles entendérono e actuaron moi ben, e a empresa adxudicataria resultou moi boa para intentar facer nun tempo record as obras, cunha calidade sen dúbida perfecta”.

Suárez Barcia indicou que “agora podemos volver a todo este comercio e estes servizos que temos en Ribadeo. Un comercio singularizado aquí, nesta praza de abastos que leva 80 anos con nós, e á que lle podemos dar un novo impulso a través destes lemas que sempre se din de do mar á mesa ou da terra á mesa. É dicir, o que vende toda esta xente, tanto de carne, coma de horta, coma de peixe, é o mellor, o máis fresco, o máis próximo e niso é no que as diferentes administracións debemos traballar para seguir convencendo á cidadanía de que aposte por este sistema tan directo e non por estas cousas coma a panga importada de Hong Kong. Por iso, con estas iniciativas supoño que estamos no bo camiño e queremos dende o Concello felicitarnos e felicitar principalmente á Xunta”.

Pola súa banda, Raquel Arias lembrou que a Xunta achega o 75% do custe da obra: “fixéronse traballos tanto na estrutura coma no tellado así coma o pintado da parte exterior, pero tamén conleva un traballo cos praceiros que asistiron a cursos de formación. Todo pensando en mellorar a atención nas prazas de abastos, en facelas máis atractivas e que sexan un punto de referencia para facer a compra para a xente de todas as idades, que poidan atraer á máis nova para que vexa que ese comercio de proximidade é unha opción importante a ter en conta. Desde a Xunta consideramos que o comercio de proximidade ten que potenciarse e temos que traballar cóbado con cóbado cos Concellos e cos comerciantes para facer que se adapte ás necesidades actuais dos usuarios, porque sen ese comercio non habería vida no centro das vilas e das cidades”.