Segundo explican desde a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo “durante a visita teremos a oportunidade de coñecer Rinlo visto polos ollos destes profesionais do mar. Trátase dunha ruta realizada de maneira participada, é dicir foron os propios percebeiros e percebeiras os que escolleron o percorrido e contidos da mesma, e pretenden amosarnos a riqueza patrimonial e ambiental de Rinlo, o seu traballo como percebeiros/as, así como a vida e a importancia do mar neste pequeno porto. O percorrido será guiado por eles mesmos e terá unha duración aproximada dunha hora”. Dous días antes desta cita  serán os nenos e nenas do IES de Ribadeo Gamallo Fierros os que terán a oportunidade de profundizar na historia de Rinlo da man destes percebeiros/as.

Estas dúas visitas guiadas serán experiencias piloto, aínda que teñen a intención de facerse realidade nun futuro moi próximo. Este proxecto está promovido pola Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo de Ribadeo e conta coa participación de Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, “e ten como obxectivo formar aos percebeiros e percebeiras como informadores turísticos de Rinlo, diversificar e complementar a súa economía familiar”.

Esta iniciativa está en consonancia cos outros proxectos nos que a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo está a traballar “e que teñen coma intención ofertar diferentes produtos atractivos, dar a coñecer a riqueza do litoral de Ribadeo, a valorización dos recursos patrimoniais e dinamización socioeconómica do noso territorio desde unha perspectiva sostible. Este proxecto quere ser un paso máis na xestión do turismo en Ribadeo, buscando novas ofertas que diversifiquen a fluxo de persoas, especialmente as que ano tras ano se achegan á  praia das Catedrais”.