O rexedor dixo que “hoxe é un bo día porque temos a unha das máximas representacións do Estado, o delegado do Goberno en Galicia, aquí, en Ribadeo, con estas actuacións que me parecen moi importantes sempre, como é a cortesía e a deferencia institucional de vir aquí, ao territorio, a escoitar e a falar: a escoitar as nosas reivindicacións, moitas delas históricas, doutros gobernos, que están non caixón desde hai moitos anos e que esperemos que se lles dea un impulso positivo. E tamén a recoñecer e a valorar o que se está facendo, por exemplo neste centro educativo, onde con fondos europeos e a través do Estado, que os transmite á comunidade autónoma para que esta os poida investir aquí, neste concello; é dicir, a coordinación de todos para o ben dos veciños e das veciñas, que é do que se trata”.

Suárez Barcia subliñou que “con este exemplo oxalá poidamos seguir facendo moitas máis cousas por Ribadeo. E ademais vexo que moitos dos asuntos que estamos tratando nestes días é coa coordinación xa non só co Concello de Ribadeo senón dos concellos da comarca co Estado, como para a senda verde do tren mineiro, e tamén dos concellos coa Xunta, para sacar dunha vez esa tubaxe de auga que tanto nos preocupa e que nos afecta a dous concellos e que é necesaria a aposta decisiva, sen dúbida, da Xunta de Galicia para podela sacar de aí e que precisamente o Estado poida converter esa vía verde nunha das máis bonitas e importantes a nivel estatal, que poida traer turismo dunha maneira desestacionalizada ao longo de todo o ano”.

E engadiu que “con estes exemplos educativos e formativos, como vamos ver agora nun obradoiro dual, ao que tamén lle aporta diñeiro o Goberno do Estado á comunidade autónoma para que nos axude aos concellos, con estas iniciativas dá gusto gobernar e intentar ser eficaz e eficiente”.